CEG

 

A CEG pide compromiso para que a Alta Velocidade chegue en tempo razoable a todas as grandes cidades de Galicia

Foro da Xunta sobre a chegada do AVE a Galicia

Tras celebrar o “fito histórico” que supón a chegada do AVE a Ourense desde o pasado día 21 de decembro, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, animou a seguir traballando -e para iso pediu o compromiso de todos-, para que a Alta Velocidade chegue en tempo razoable ás demais grandes cidades de Galicia en base ao factor común da competitividade, non debéndose superar para iso as tres horas e media de duración entre Madrid e o destino en cuestión. Así o expuxo no marco da súa intervención nun foro destinado a abordar as oportunidades e os desafíos relacionados coa chegada do AVE a Ourense organizado pola Xunta de Galicia e celebrado esta mañá en Expourense.

Vieites lembrou que “Vigo e Pontevedra están por encima das catro horas de viaxe e Lugo e Ferrol na contorna das cinco”, polo que “non son tempos competitivos” e “hai que seguir avanzando na súa redución, e aspirar a que o proceso necesario para iso non se prolongue no tempo como ocorreu en certas fases do tramo Ourense-Madrid, cuxa finalización celebramos estes días”.

“Debemos traballar –segundo o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia-, nos estudos e definición dunha solución definitiva que poida ser executada canto antes para conectar Vigo e Ourense e culminar realmente a chegada do AVE á cidade olívica”, continuou. Ademais, e para a organización empresarial galega, é preciso avanzar na mellora das conexións de Lugo e Ferrol; adecuar o trazado Lugo-Ourense para alta velocidade e actualizar o trazado A Coruña-Lugo,  incluída a variante de Betanzos para acceder a Ferrol.

“Non en balde –segundo o presidente da organización empresarial galega-, os primeiros días de funcionamento do AVE xa deron indicadores do interese e importancia que esta conexión ten e terá cada vez máis para Galicia segundo gañe prestacións e conclúa todas as súas conexións”.

Igualmente, no seu discurso, Juan Manuel Vieites referiuse ao Eixo Atlántico como outro exemplo da importancia que o ferrocarril pode xogar na vertebración e desenvolvemento do territorio, xa que “nestes momentos é unha das liñas de media distancia máis importantes de España, con dous millóns de pasaxeiros, e cunha evolución ascendente que previsiblemente seguirá crecendo”.

Tampouco se quixo esquecer a CEG da aposta decidida dos empresarios galegos pola vertebración ibérica a través da conexión por alta velocidade con Portugal, polo que “o compromiso decidido de Madrid e Lisboa nesta cuestión debe ser total, dándolle prioridade no tempo”; así como do desenvolvemento do Corredor Atlántico de mercadorías.

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.