gl
  • es
  • gl
Home > A CEG traslada o seu apoio e solidariedade a Ceuta e reclama unha resposta extraordinaria ante unha situación extraordinaria

A CEG traslada o seu apoio e solidariedade a Ceuta e reclama unha resposta extraordinaria ante unha situación extraordinaria

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) quere trasladar o seu firme apoio, solidariedade e proximidade ás empresas, autónomos/as, persoas traballadoras e cidadanía de Ceuta ante a situación xerada polos graves acontecementos rexistrados a finais de xullo, que están a afectar á seguridade, a convivencia e ao normal desenvolvemento da actividade económica e empresarial na Cidade Autónoma.

A CEG considera prioritario que “Ceuta poida recuperar canto antes a normalidade, a seguridade e a confianza, condicións imprescindibles para garantir o funcionamento do seu tecido produtivo, preservar o emprego e manter a actividade económica”.

Así mesmo, a CEG considera necesario subliñar que o ocorrido “transcende unha crise migratoria e expón unha cuestión que afecta directamente á seguridade, a soberanía e a integridade territorial de España e da Unión Europea. A utilización ou instrumentalización de movementos masivos de persoas como mecanismo de presión sobre unha fronteira exterior non pode normalizarse nin ser abordada exclusivamente desde unha perspectiva migratoria”.

Neste sentido, a CEG apoia as medidas urxentes expostas pola Confederación de Empresarios de Ceuta (CECE) para protexer as empresas e autónomos/as afectados/as, manter o emprego e evitar que as consecuencias dunha crise extraordinaria e conxuntural terminen converténdose en cargas permanentes para o tecido económico e social da cidade.

O obxectivo debe ser protexer a solvencia e liquidez das empresas, facilitar o mantemento do emprego e evitar peches empresariais, un incremento insostible do endebedamento ou a perda de actividade.
Protexer as empresas é protexer o emprego. E protexer o emprego significa preservar a renda das familias, o consumo, a capacidade produtiva e a estabilidade económica e social de Ceuta.

A CEG considera que a situación de Ceuta require a implicación e a resposta efectiva de todas as administracións. A presión sobre as fronteiras exteriores e as consecuencias de situacións extraordinarias non poden recaer exclusivamente sobre os territorios que as afrontan directamente.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sinala que “a defensa da seguridade, a integridade territorial, a convivencia e o normal funcionamento das cidades debe traducirse, cando as circunstancias o esixan, en recursos, medios e respostas concretas e eficaces”.

Así mesmo, di que “a atención humanitaria e o respecto á dignidade das persoas deben ser plenamente compatibles co cumprimento da legalidade, o control efectivo das fronteiras e a protección da seguridade e a convivencia”.

Por iso reclama “unha resposta extraordinaria, ante unha situación extraordinaria”.

Desde Galicia, a CEG quere subliñar que “a seguridade e a estabilidade son condicións esenciais para que as empresas poidan investir, manter e crear emprego e contribuír ao desenvolvemento e á prosperidade da sociedade”.

A CEG valora especialmente a decisión de CEOE de celebrar o próximo 9 de setembro en Ceuta a reunión dos seus órganos de Gobierno, presidida polo seu presidente, Antonio Garamendi, e coa participación dos vicepresidentes da organización e dos principais responsables territoriais.

A participación do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, nesta reunión constitúe unha expresión do compromiso da organización empresarial galega con Ceuta e co conxunto do empresariado español.

Nesta reunión abordarase a situación de seguridade e loxística da Cidade Autónoma, así como a necesidade de que o Estado garanta os dereitos dos seus cidadáns e a integridade territorial de Ceuta e Melilla, cuxa pertenza a España e á Unión Europea é innegociable.

A CEG apoia así mesmo o catálogo de medidas urxentes trasladado pola CECE ao Ministerio de Economía e considera necesario avanzar nun Plan extraordinario de Recuperación e Protección Económica de Ceuta que actúe de forma simultánea sobre a solvencia, a liquidez, a débeda, o emprego e a seguridade.

A CEG fai un chamamento “a actuar con unidade, firmeza e responsabilidade institucional, reforzando a seguridade e recuperando plenamente a confianza para que a actividade económica e social poida desenvolverse con normalidade”.

Os empresarios galegos queren trasladar á cidadanía de Ceuta, ás súas empresas, autónomos/as e persoas traballadoras unha mensaxe inequívoca de solidariedade e apoio.

“Apoiar a Ceuta significa protexer os seus cidadáns, soster o seu tecido produtivo, defender o emprego e contribuír a recuperar a estabilidade e a confianza que a cidade necesita. A seguridade, a convivencia e o dereito dos ceutíes a desenvolver a súa actividade económica e a súa vida diaria con plena normalidade deben situarse no centro de calquera actuación. Ceuta non pode afrontar soa unha situación tan extraordinaria. A resposta debe de ser firme e inmediata”, afirma Juan Manuel Vieites.