CEG

 

A CEG insta á supresión do artigo 18 da Lei de Cambio Climático a favor da seguridade xurídica e a estabilidade do sector Mar-Industria

Litoral

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) insta á supresión do artigo 18 da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética, en tramitación parlamentaria, ou no seu caso á súa modificación, eliminando a inseguridade xurídica e a falta de estabilidade que doutro xeito xerará ás empresas galegas do sector Mar-Industria, xa que se se aprobase nos termos propostos modificaría a Lei de Costas e podería obrigar ao peche de numerosas instalacións e á perda de miles de empregos.

A patronal galega considera que é necesario unir esforzos para defender desde Galicia un sector estratéxico para a comunidade autónoma –conta con 4.000 empresas e 37.000 empregos-, seriamente ameazado pola iniciativa lexislativa e que pode dar lugar á deslocalización de actividades.

Igualmente, na liña da iniciativa aprobada polo Parlamento de Galicia recentemente, a CEG considera necesario que a comunidade galega sexa competente para a xestión do dominio público marítimo terrestre, dadas as particularidades e necesidades específicas do territorio nesta materia. Desta forma, a comunidade galega podería xestionar as autorizacións e concesións no dominio marítimo-terrestre, que afecte a numerosas industrias ao longo dos máis de 2.000 quilómetros de costa, afectados agora potencialmente pola nova disposición en tramitación.

Aposta pola economía verde e o aproveitamento dos fondos europeos para fortalecer e transformar a industria

A economía verde é unha das pancas para o cambio e a recuperación económica definidas pola Comisión Europea e debe xogar un papel fundamental no Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia que establecerá as bases para a execución de 72.000 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023, dos cales o 37% deben dedicarse a “investimento verde”.
Precisamente a economía verde, segundo a definición de Nacións Unidas, radica na conxunción de tres aspectos: social, económico e ambiental, que deben ser tidos en conta de modo sistemático á hora de realizar calquera actividade económica. Por tanto, non se poden adoptar decisións que condicionen a supervivencia das empresas ou xeren incerteza nun momento económico como o actual, promovendo o peche ou a deslocalización das empresas.

Os empresarios de Galicia e en particular os do sector Mar-Industria foron pioneiros en adoptar medidas e estratexias en favor da sustentabilidade e da preservación do medio no que desenvolven as súas actividades. 

Así é que a Confederación de Empresarios de Galicia entende que as liñas de actuación deberían dirixirse á modernización, consolidación e fortalecemento do sector Mar-Industria, aproveitando os recursos que durante os próximos anos poñerá a disposición a Unión Europea -minimizando cos investimentos  o impacto sobre o medio e optimizando a rendibilidade económica e social-, en forma de creación de emprego e dinamización daquelas comarcas de Galicia cunha forte dependencia da industria establecida no seu litoral.


 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.