O presidente da CEG chama a tecer máis complicidades público-privadas e a impulsar unha narrativa potente de Galicia como terra de oportunidades
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, participou na apertura de “O Encontro” da Toxa, organizado por CESUGA.
Juan Manuel Vieites afirmou neste foro que “Galicia teno todo para ser un polo de atracción económica e empresarial de primeiro nivel. Temos talento, temos sectores industriais fortes, temos universidades e centros tecnolóxicos de excelencia e temos unha cultura empresarial baseada no esforzo e a innovación… Pero necesitamos tecer máis complicidades público-privadas, e necesitamos impulsar unha narrativa potente de Galicia como terra de oportunidades”.
O presidente do empresariado insistiu en que “Galicia está nun momento crucial. O que fagamos agora determinará o noso lugar no mapa económico dos próximos 20 ou 30 anos. Desde a Confederación de Empresarios de Galicia imos seguir traballando de xeito conxunto con todos os actores -institucións, empresas, universidade e sociedade civil- para construír unha comunidade aberta, ambiciosa e competitiva. E esa apertura ten que estar guiada por unha estratexia intelixente, sustentable e coordinada”.
Neste sentido, explicou que Galicia conta con empresas exportadoras que son referentes mundiais en sectores como o mar, a alimentación, a automoción, o téxtil ou a enxeñaría, “pero tamén con moitas pemes que necesitan máis apoio, menos trabas burocráticas e mellores infraestruturas para competir. Ese é un dos nosos compromisos permanentes: defender as condicións que permitan ás nosas empresas saír ao exterior, crecer e consolidarse sen renunciar á súa orixe. Na Confederación de Empresarios de Galicia sempre defendemos que a internacionalización non debe entenderse só como a saída a novos mercados, senón tamén como a capacidade de atraer investimento, talento e coñecemento ao noso territorio”.






Doutra banda, sobre o talento que foi outro dos grandes eixos do debate de “O Encontro”, advertiu que “enfrontámonos a unha realidade complexa: moitas empresas teñen dificultades para atopar perfís cualificados, mentres que moitos mozos galegos continúan emigrando. Desde a CEG apoiamos firmemente toda estratexia que conecte formación, empresa e innovación. Porque só con talento arraigado construiremos un crecemento sustentable e xusto”.
O presidente da CEG agradeceu á organización de “O Encontro”, que converte durante dous días á Toxa “nun centro de reflexión estratéxica sobre o presente e o futuro de Galicia nun contexto global”. Destacou o papel de CESUGA por liderar este foro e de todos os relatores por compartir o seu coñecemento. E enxalzou a participación das empresas, “a súa presenza demostra que cremos no potencial e en futuro de Galicia”.

Contacta coa
CEG