A Comisión Mar Industria da CEG aborda con Villaverde a proposta da CE, dende o sector sosteñen que, “lamentablemente, avanza cara a un cambio radical do sistema até agora coñecido”
A Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recibe por primeira vez á nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, e reúnese con ela para trasladarlle diversos asuntos prioritarios para o sector, como as consecuencias dos acordos de libre comercio da UE, o descenso da produción de bivalvos en Galicia, o desenvolvemento da eólica mariña e a coexistencia coa pesca e o marisqueo ou a proposta para o próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para os anos 2028-2034.
Actualmente, o 70 % dos produtos pesqueiros que se consomen na Unión Europea procede de países extracomunitarios. A Comisión defende a necesidade de establecer controis eficaces que garantan que todos os produtos pesqueiros importados cumpran que accedan ao mercado da UE para que cumpran coas mesmas esixencias que os comunitarios. Isto inclúe o respecto ás normas do PPC, así como os estándares en materia sanitaria, laboral, ambiental e de seguridade alimentaria en todas as fases do proceso: captura, produción, transformación e distribución.
Advirten que “só aplicando un marco regulador común aos produtos comunitarios e importados poderase garantir unha competencia xusta no mercado interior, evitando que os operadores europeos, suxeitos a maiores esixencias, compitan en desvantaxe fronte a importacións en condicións máis laxas”.
Con respecto á normativa reguladora de costas e ordenación do litoral, celebran a transferencia de competencias, pero precisan que “hai que modificar a Lei de Costas para garantir a continuidade de usos, instalacións e actividades das concesións anteriores a maio de 2013”. Falan de facer seguimento da implementación da nova lei autonómica e insistir nas modificacións necesarias a nivel estatal que permitan a continuidade da actividade existente e promover novas instalacións, sen prexuízo da sustentabilidade da costa.
En canto á “imparable” caída da produción de marisco bivalvo, explican que “levamos dous anos e medio cunha concatenación de peches masivos da extracción, o que ha cronificado o problema, co consecuente desabastecemento dos mercados, e o risco certo de desaparición definitiva do recordo de produto na distribución e na clientela. Con todo, o mercado segue demandando marisco, e esta demanda está a cubrirse coa entrada, en aumento, de produto foráneo, que é o actualmente preferido pola distribución pola súa estabilidade de subministración, prezos e calidade”.
A CEG é consciente da complexidade dun problema que ten moitas compoñentes, “no que todos os operadores e actores, tanto privados como públicos somos parte e na que todos debemos achegar para tratar de superalos”.
Dende a Comisión Mar-Industria da CEG din que é o momento de “impulsar decididamente a investigación sobre as causas biolóxicas e ambientais desta situación, acompañada de iniciativa capaz de impulsar cambios na operativa do noso sistema de produción marisqueira. Consideramos que entre todos debemos achegar e cooperar para a recuperación dun produto que é bandeira de Galicia e aspiramos a que así sexa no futuro”.


En canto ao desenvolvemento da enerxía eólica mariña, a Comisión Mar-Industria da CEG trasladou a necesidade de:
• Establecer mecanismos de diálogo e coexistencia entre o desenvolvemento da eólica offshore e a actividade pesqueira e marisqueira, incluíndo a creación de mesas técnicas e procesos de consulta previos.
• Garantir a participación efectiva do sector mar-industria nos procesos de planificación e avaliación ambiental dos futuros proxectos eólicos mariños.
• Considerar zonas de exclusión para determinadas actividades pesqueiras e establecer criterios de priorización e compensación xustos.
• Fomentar a investigación científica e técnica independente sobre o impacto das plataformas eólicas flotantes no medio mariño e nos ecosistemas costeiros.
A CEG recoñece que o desenvolvemento da enerxía eólica mariña “representa unha gran oportunidade para diversificar a economía do litoral e xerar emprego en Galicia. Por iso, hai que analizar como os desenvolvementos afectan o sector pesqueiro e garantir a compatibilidade entre ambas as actividades”.
Por último, a Comisión Europea presentou onte a súa proposta para o próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para os anos 2028-2034. Desde a CEG sosteñen que “lamentablemente, a súa proposta avanza cara a un cambio radical do sistema até agora coñecido. En lugar de dispor dunha extensión do FEMPA pasarase a un fondo estrutural único (transectorial) por estado membro”.
No entanto, engaden que a Comisión se comprometeu a reservar fondos especificamente para apoiar aos agricultores e pescadores/acuicultores. Isto abarcará medidas relacionadas co medio ambiente, investimentos nas explotacións, apoio aos mozos profesionais e ferramentas de xestión de riscos. Tamén se prevé unha simplificación das normas de financiamento, especialmente no que respecta a pagos, controis e auditorías.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, subliñou que “é o sector máis importante da UE, somos o 50%, temos que facer valer o noso peso específico. Os fondos son fundamentais para a renovación e para tentar modernizar o sector mar industria. Sendo conscientes de que estamos nunha situación xeopolítica complicada a nivel internacional, onde a guerra de Ucraína, a necesidade de diñeiro para defensa, iso vai menoscabar a actividade doutros sectores. O sector necesita eses fondos para seguir sendo un punto de referencia a nivel mundial. É un recorte importante, sendo que outros informes indican que debemos de ir por outra dirección. Tentaremos buscar que recapaciten e buscar unha estratexia conxunta público privada, entre administración e sector empresarial e trasladalo ao Parlamento Europeo e á Comisión, para tentar modificar estas cuestións e dar a batalla, como até agora fixo este sector. O Goberno de España ten que pór as cousas sobre a mesa”.

Contacta coa
CEG