A CEG pide un gran pacto para impulsar a produtividade
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pide un gran pacto a nivel Galicia, estable, no que participen non só o Goberno de Galicia, senón tamén todos os grupos con representación no Parlamento e os axentes económicos e sociais, para apoiar as iniciativas empresariais en Galicia e impulsar a produtividade.
As propostas do empresariado van máis aló e piden:
• Reforzar a simplificación administrativa especialmente para os proxectos industriais
• Redución dos prazos máximos de autorización industrial
• Un calendario público de execución de proxectos estratéxicos
• Seguimento trimestral de investimentos comprometidos
• Avaliación independente do grao de execución da política industrial
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, advirte que “a AIReF puxo negro sobre branco o que o tecido empresarial leva tempo advertindo: Galicia non ten un problema de talento; ten un problema, e non só, de velocidade administrativa. Non podemos conformarnos con crecer: debemos crecer máis que a media. A competitividade empeza nos despachos da administración. Cada mes que se atrasa unha autorización é unha oportunidade que perde Galicia. A mellor política industrial non é anunciar axudas; é eliminar obstáculos”.
Así mesmo, sinala que “as empresas están a acelerar, por tanto é o momento de liderar a transformación económica. Non pedimos máis recursos; pedimos mellores resultados. Galicia necesita máis axilidade administrativa”. Tamén alerta sobre “a utilización dos proxectos empresariais como arma política e ideolóxica. Detectamos oposición sistemática á iniciativa empresarial e industrial desde determinados colectivos e organizacións que trasladan á cidadanía unha visión nesgada do impacto dos proxectos e iniciativas sobre o territorio”. Outro tema fundamental é o peso político que ten Galicia no contexto político-económico español. Advirte de que “os orzamentos, axudas, etc., van parar antes a outros territorios que aquí”.
Insiste en Galicia non pode conformarse con xestionar: necesita liderar. Explican que Galicia crece, pero faio por baixo da media española e sitúase entre as comunidades con menor dinamismo económico no segundo trimestre do ano. “O preocupante non é unha décima menos de crecemento; o preocupante é que esa décima reflicta un problema estrutural”.
Desde a CEG lembran que a economía galega dispón de empresas competitivas, sectores industriais sólidos e capacidade exportadora. “Son precisas medidas de política económica que acompañen ese potencial coa mesma velocidade que esixen as empresas”.
Por tanto, incide Vieites, “Galicia non pode vivir das inercias. As empresas están a facer o seu traballo. A industria inviste, as exportacións manteñen o pulso e as compañías seguen creando emprego a pesar de un contexto internacional complexo. Con todo, as distintas administracións competentes deben promover que Galicia sexa un territorio verdadeiramente atractivo para os investimentos. A AIReF evidencia que Galicia perde posicións relativas e iso debería activar todas as alarmas”.
Neste sentido, critica que “cando Galicia perde ritmo económico, perde o conxunto da sociedade galega. A política económica non pode consistir unicamente en anunciar axudas. Debe tamén concentrar os seus esforzos en eliminar obstáculos. Hoxe moitas empresas seguen atopándose con: tramitacións excesivamente longas; inseguridade en proxectos industriais; dificultades para desenvolver chan empresarial; lentitude administrativa; e falta de coordinación entre departamentos”…
Os empresarios levan meses advertindo de que os proxectos tardan demasiado; os investimentos atopan demasiadas barreiras; a burocracia segue sendo un freo; e a política industrial necesita maior capacidade executiva.
Para rematar, Vieites engade que Galicia dispón de máis recursos públicos que nunca. Así que o problema xa non é unicamente dispoñer de financiamento, senón que o reto é converter eses recursos en chan industrial operativo, en novos investimentos, en innovación, en dixitalización, en simplificación administrativa e en produtividade. “A política económica debe medirse por resultados. A economía non entende de titulares, entende de indicadores. E o indicador coñecido esta semana é claro: Galicia perde dinamismo respecto ao conxunto nacional. A obrigación é preguntarse por que. E, sobre todo, actuar. A industria necesita unha administración que vaia á velocidade da empresa”.
Neste sentido, manifesta que “as empresas toman decisións en semanas. As administracións seguen resolvendo en meses ou mesmo anos. Ese desfasamento ten consecuencias: investimentos que se atrasan, proxectos que se deslocalizan e oportunidades que se perden”. É dicir que claramente a competitividade tamén depende da rapidez administrativa.
“Esiximos máis execución. Non existe ningunha razón estrutural que xustifique estar no grupo de menor crecemento. Galicia debe aspirar a estar entre as rexións líderes, non conformarse con estar por baixo da media. O que falta é profundar en medidas de estratexia económica que incidan na consecución deste obxectivo”, conclúe Vieites.
Contacta coa
CEG