A CEG asinou xunto coa Xunta e UXT o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, co secretario xeral de UXT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, asinaron o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029.
Con esta firma, Galicia dá un paso clave para dotarse dunha folla de roteiro que permitirá reforzar a prevención e o benestar laboral, mellorar a xestión das incapacidades temporais e avanzar cara a un modelo pioneiro de reincorporación ao traballo tras unha baixa laboral. Agora a seguinte fase será a tramitación administrativa do plan, coas medidas concretas e a dotación orzamentaria correspondente, para a súa aprobación polo Consello da Xunta, previsiblemente no mes de setembro.
O conselleiro cualificou o acordo alcanzado hoxe como «un fito» que demostra a eficacia do diálogo social —institucionalizado en Galicia por decreto este ano— e agradeceu o compromiso e o labor desenvolvido por UXT-Galicia e a CEG na procura de solucións a un asunto de elevado impacto económico para o conxunto da economía galega.
Pola súa banda, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, «é un día importante, o avance do diálogo social é fundamental para o empresariado e o conxunto da sociedade, estamos ante unha gran iniciativa para os dereitos dos traballadores, unha cuestión moi importante, tanto como o é tamén a competitividade e a produtividade das empresas».
O obxectivo do plan é reducir as ausencias ao traballo evitables e mellorar a saúde das persoas traballadoras, respectando os seus dereitos lexítimos. Para conseguilo, estruturarase ao redor de tres grandes eixos: reforzar a prevención e o benestar laboral; mellorar a atención e os procesos de xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns; e promover a corresponsabilidade e o uso responsable do sistema de protección.


Neste marco, unha das principais novidades será a aposta por converter a Galicia na primeira comunidade autónoma en impulsar un mecanismo de acompañamento á reincorporación das persoas traballadoras tras unha baixa laboral, con medidas que contribúan a evitar recaídas.
O plan tamén fará especial fincapé na mellora da prevención e do benestar laboral mediante a aprobación e o despregamento da Estratexia de Benestar Laboral, xa en elaboración, así como co reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), para intensificar o seu labor. Así mesmo, e tendo en conta o tecido produtivo galego, integrado maioritariamente por persoas autónomas e microempresas, promoverase o acompañamento e apoio para a adopción voluntaria por parte das empresas de medidas de prevención e benestar laboral que vaian máis aló das obrigacións legais, favorecendo contornas de traballo máis saudables e un mellor clima laboral.
Estas actuacións complementaranse con medidas no ámbito sanitario dirixidas a optimizar a xestión das incapacidades temporais, reducindo cargas administrativas e mellorando os procesos asistenciais, sempre baixo o criterio clínico dos profesionais sanitarios.
Ademais, a Xunta incluirá no plan a solicitude ao Gobierno central de melloras en cuestións da súa competencia exclusiva, como a xestión das baixas laborais de máis de 365 días, unha problemática con especial incidencia en Galicia.
A CEG fai un chamamento á prudencia na interpretación das enquisas sobre xornada laboral
Ler máisA CEG pide un gran pacto para impulsar a produtividade
Ler máis
Contacta coa
CEG