gl
  • es
  • gl
Home > A CEG analiza os retos e oportunidades da transformación do tecido produtivo cara a unha industria descarbonizada e circular

A CEG analiza os retos e oportunidades da transformación do tecido produtivo cara a unha industria descarbonizada e circular

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou, en colaboración con Iberdrola, unha xornada centrada nos retos e oportunidades que expón para o tecido produtivo galego a transformación cara a unha industria descarbonizada e circular.

A xornada contou coa intervención de Eduardo Gómez, conselleiro económico da Comisión Europea, quen presentou o Clean Industrial Deal, a folla de ruta europea para impulsar a competitividade industrial no marco da transición ecolóxica. Ademais, empresas como Votorantim Cimentos, Ecoforest, Resonac Graphite Spain, Ence, Grupo ABN, Ventos Metódicos e Grupo Nueva Pescanova, compartiron os seus avances e boas prácticas en descarbonización e economía circular. Participaron tamén Diego Vázquez, presidente da Comisión de enerxía da CEG; e Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia.

O delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Siva, destacou “a importancia de aumentar a demanda eléctrica e o consumo eléctrico en Galicia e en España, para mellorar a estabilidade do sistema eléctrico e reducir o risco de apagamentos, para aproveitar os nosos recursos enerxéticos autóctonos, e para reducir as carísimas importacións de combustibles fósiles. E en concreto, hai que tentar reducir o consumo de combustibles fósiles na industria galega: por economía, por eficiencia enerxética, por seguridade da subministración, e para aproveitar o excedente de electricidade renovable que ten Galicia”.

Pola súa banda, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, incidiu en que “desde a CEG, somos plenamente conscientes da relevancia que ten o sector enerxético para a competitividade das nosas empresas, a atracción de investimentos e o desenvolvemento sostible de Galicia. Máis aínda tras o cero de tensión no sistema eléctrico peninsular vivido o pasado 28 de abril, que provocou unha crise enerxética sen precedentes e que pon de manifesto a necesidade urxente de reforzar a seguridade, estabilidade e eficiencia do noso sistema eléctrico. É fundamental acometer, con carácter inmediato, unha serie de actuacións normativas e operativas que completen, actualicen ou aceleren os instrumentos xa existentes”.

Vieites apunta que “no marco das políticas europeas, á industria emitir CO2 cústalle diñeiro; reducir emisións, en cambio, significa tamén reducir custos. Do mesmo xeito, innovar en economía circular pode supor a longo prazo un aforro real: ao optimizar o uso de materiais, mellorar a recuperación e minimizar residuos, as empresas gañan en eficiencia e resiliencia. Desde a CEG somos plenamente conscientes do esforzo que implica esta transición, e por iso queremos estar á beira das empresas neste proceso. Facémolo ofrecendo información rigorosa, espazos de encontro como o que nos reúne hoxe, e defendendo o tecido produtivo galego conte coas mellores condicións para avanzar nesta transformación. Tamén o facemos formando parte de redes europeas como a Enterprise Europe Network, a través da cal acompañamos xa a pemes galegas con diagnósticos de circularidad, facilitando o seu acceso a financiamento de estudos de viabilidade previos á implantación de modelos de negocio circulares”.

Por último, puxo en valor “a oportunidade de escoitar as experiencias reais dalgunhas empresas galegas que xa están a avanzar en procesos de descarbonización e economía circular. Non estamos a falar de ideas abstractas ou irrealizables, senón de decisións concretas: de investimento, de redeseño de procesos, de novos modelos de negocio e de alianzas que permiten avanzar paso a paso cara a unha nova forma de producir e competir. Escoitalas resultaranos alentador, porque demostra que o cambio é posible, e que xa está en marcha. Estou seguro de que nos axudará a compartir visións, inspirarnos mutuamente e seguir construíndo unha Galicia industrial, sustentable e competitiva. Porque só mantendo un tecido industrial sólido, comprometido e adaptado aos novos tempos, poderemos asegurar un futuro con oportunidades para todos”.

SOBRE O RELATORIO E AS MESAS REDONDAS

Ademais do relatorio de Eduardo Gómez Casado: “Clean Industrial Deal: cara unha industria descarbonizada e circular”, durante a xornada desenvolvéronse dúas mesas redondas: unha sobre “Descarbonización industrial: experiencias e retos en industrias críticas. Un percorrido polas estratexias de descarbonización adoptadas por sectores industriais clave en Galicia”, moderada por Rafael Landín, de delegacións Institucionais Asociacións e RSC Iberdrola; e outra de “Industria circular: adopción de boas prácticas e novos modelos de produción. Casos reais de implantación de economía circular en procesos industriais”, moderada por María Botana, asesora de PRL e RSC da Confederación de Empresarios da Coruña.

Eduardo Gómez, conselleiro económico da Comisión Europea, centrouse no Pacto Industrial Limpo e especialmente no novo enfoque da Comisión Europea que vincula estreitamente a descarbonización coa competitividade, e como a industria pode beneficiarse deste novo enfoque.

Álex Costa, cofundador de Ventos Metódicos, subliñou que “ser a primeira empresa encargada da reciclaxe dos compoñentes da enerxía eólica supuxo un reto apaixonante. Dos mal chamados residuos da enerxía eólica, obtemos mobiliario de deseño urbano, doméstico, de oficina (mesas, cadeiras, lámpadas, armarios), así como perfís e taboleiros para determinadas industrias. Os nosos produtos, distribuídos a través da nosa marca comercial SOSTYLAIR, posúen un custo de mantemento cero. A nosa técnica pioneira, grazas ao primeiro camión serradoiro e a máquinas de corte de fío diamantado, produciu a optimización de recursos no transporte ao poder segmentar, por exemplo, todas as pas eólicas no propio parque, reducindo significativamente a pegada de carbono”.

Pablo Rifón, director xeral de Operacións da Coruña de Resonac Graphite Spain, quen afirmou que “somos un actor crave na maior cadea de reciclaxe do mundo. Por iso, a sostibilidade está no centro da nosa identidade: nos enorgullece contribuír á descarbonización do sector, ao impulsar o uso de fornos EAF, que substitúen aos altos fornos tradicionais e permiten reducir até un 90 % as emisións de CO2. A nosa visión da sustentabilidade baséase na co-creación e na construción de alianzas con colaboradores e grupos de interese, co obxectivo de xerar un cambio real. Neste marco nace a nosa marca Sparking Truth, concibida para dar impulso e visibilidade a este compromiso”.

Así mesmo, explicou que están a traballar na construción dunha planta piloto de produción de grafito para baterías. “Este proxecto ten unha importancia estratéxica, non só para Galicia, senón para España e Europa, porque o grafito está considerado un material crítico a nivel europeo. A dependencia do mercado da automoción para conseguir grafito para baterías é total e case sempre ha de importarse desde China. Con esta planta piloto, queremos dar un paso decisivo cara á independencia, seguridade e estabilidade da subministración dun compoñente esencial para o futuro da mobilidade eléctrica”.

María Pérez, responsable de Economía Circular do Grupo Nueva Pescanova, explicou que traballan “para minimizar o impacto ambiental en todas as nosas operacións, desde a pesca e a acuicultura até a elaboración e comercialización dos nosos produtos. Apostamos por métodos de pesca e cultivo responsables, a eficiencia no uso de recursos e a protección dos ecosistemas mariños, entre outros. Así mesmo, impulsamos a prevención de perdas e do desperdicio alimentario mediante solucións innovadoras baseadas na economía circular, a valorización de subproductos e a optimización de procesos. Todo iso compleméntase co desenvolvemento de envases máis sustentables, reciclables e eficientes, que garantan a calidade do produto e promovan un consumo responsable. Este enfoque integral, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, reforza o noso compromiso coa produción responsable, a acción climática e a conservación dos recursos naturais”.

Susana García, responsable de mercadotecnia de ABN, detallou as transformacións levadas a cabo por ABN no seu modelo produtivo para aplicar os principios da economía circular: “desde o eco-deseño de produtos e o uso de materiais reciclados, até a implantación de enerxía 100% renovable nas súas plantas, con instalacións fotovoltaicas tanto en Medina del Campo como na Coruña”. Ademais, presentou o Plan ABN Zero CO2, “unha iniciativa pioneira no sector que permite ofrecer produtos con pegada de carbono compensada, achegando aos seus clientes valor engadido en licitacións, certificacións sustentables (LEDE, BREEAM) e reputación corporativa”.

García animou ás pemes galegas a “empezar por medir, sinalando que a economía circular non é exclusiva das grandes empresas, senón unha oportunidade de mellora continua e diferenciación para calquera organización”.