Antonio Fontenla Ramil, como representante da patronal galega, asinou esta mañá, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e os secretarios xerais de UXT Galicia e de CCOO de Galicia, José Antonio Gómez e Ramón Sarmiento, respectivamente, unha declaración institucional pola que se comprometen a intensificar o Diálogo Social para buscar a reactivación económica e social de Galicia.
Tras un encontro que durou máis dunha hora, os mencionados representantes rubricaron un documento que pon o foco sobre todo en dous eixos prioritarios: a competitividade empresarial e as políticas de emprego, co obxectivo de “non deixar a ninguén atrás nesta crise provocada polo coronavirus”.
Pola súa banda, o representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG expresou que é preciso impulsar o Diálogo Social para realizar un traballo permanente de proposta e de avaliación de medidas; así como de modificación ou proposición de novas ferramentas adaptadas á conxuntura actual provocada pola pandemia, en continuo cambio.
Antonio Fontenla avogou, en definitiva, pola necesidade de pelexar todos xuntos para reactivar Galicia.