No encontro abordáronse as posibilidades de financiamento complementario para a internacionalización das empresas e o acceso ao financiamento tradicional e outras alternativas de financiamento. Entre outros expertos, interviñeron Jesús González Nieto, director xerente do Mercado Alternativo Bolsista ( MAB) de Bolsas e Mercados Españois ( BME); Guillermo Jiménez, director xeral de Axis, xestora de capital risco de Grupo ICO; e Manuel García Cutrín, director de Banca de Empresas Organización Noroeste de Bankinter. Todos eles destacaron a necesidade das empresas de contar co financiamento necesario para acometer os seus proxectos de crecemento e internacionalización e sinalaron as oportunidades que neste ámbito ofrecen BME a través do Mercado Alternativo Bolsista, ao que poden acceder todas as empresas, con independencia do sector ou tamaño das mesmas; o capital risco e as liñas ICO de financiamento ou o apoio de entidades bancarias como Bankinter.
A xornada contou tamén coa participación dos representantes das empresas CEPYME500 Nortempo, Bartolomeu Pidal; Norprevención, Javier Iglesias e Saga, Pablo Ulloa. Todos eles destacaron a importancia de contar con talento, equipos comprometidos e apoio financeiro para crecer e explorar novos mercados. Igualmente, interveu Antonio Fernández- Montells, representante da empresa Greenalia, quen explicou a súa experiencia no MAB.
Acto de clausura
Na clausura do acto interviñeron Antonio Fontenla Ramil, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG; Pedro Fernández- Alén, secretario xeral de CEPYME; e Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
Así, Fontenla Ramil, destacou a importancia do foro celebrado esta mañá na sede da CEG xa que “aínda que son dabondo coñecidas as vantaxes das pemes –o 99,8% do tecido empresarial galego-, de igual forma o é un dos seus principais hándicaps, a dificultade para financiarse”. E é que “o 56% das pequenas e medianas empresas que necesitan financiamento externo teñen dificultades para obtela, segundo demostra o IV Informe de Financiamento da peme en España”, apuntou.
E “non podemos obviar –en palabras do representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG- que as empresas exportadoras acceden con maior facilidade a recursos financeiros provenientes do exterior nin que as pemes que conseguen internacionalizarse teñen moitas máis posibilidades de éxito”.
Pola súa banda, o secretario xeral de CEPYME, Pedro Fernández- Alén, destacou o elevado crecemento alcanzado polas empresas CEPYME500 e o seu alto grao de internacionalización e innovación, destacando o “protagonismo entre este grupo de empresas Líderes en Crecemento Empresarial de preto dun centenar de empresas galegas, que supoñen o 8% do total”.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que pechou o acto de clausura, apelou ao “cambio de paradigma económico ao que estamos a asistir” e para el “o reto que temos que asumir entre todos témolo que reverter en oportunidade” a través de “unha transformación interna e unha proxección externa que nos permita crecer”.
Segundo Francisco Conde, “alcanzar este obxectivo pasa por accionar as catro pancas: captar talento, impulsar a innovación, mellorar a formación e fomentar a economia sustentable”. “Eses elementos deben marcar as políticas de apoio ao tecido empresarial”, concluíu.
CEPYME500
CEPYME500 é unha iniciativa de CEPYME, que aglutina a un conxunto de empresas que son líderes en crecemento empresarial. O obxectivo é impulsar o crecemento das empresas españolas e proxectar a súa contribución ao desenvolvemento económico e á creación de emprego. Para iso, CEPYME500 pon ao dispor das empresas unha serie de ferramentas que contribúen a mellorar a súa xestión, impulsar o seu crecemento e innovación e a súa proxección internacional.
O proxecto, que conta co patrocinio de BME, ICO, Bankinter e Informa, quere contribuír a resaltar e dar a coñecer os casos de éxito destas medianas empresas, por canto representan un elemento de inspiración para o conxunto das empresas de reducida dimensión, e polo indubidable protagonismo que estas empresas teñen na economía e o emprego.