A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), conta cunha Comisión Mar Industria, que ten por obxecto analizar e abordar os principais problemas do sector e contribuír á defensa dos seus intereses. Para iso conta cunha composición heteroxénea, que entendemos achega unha visión ampla e obxectiva e desde a que propugnamos a unidade de acción e a cooperación con todos os axentes públicos e privados.
Así, dende a súa constitución traballou en identificar os problemas e colaborou con todos os axentes e organizacións do sector, incluída a administración e as propias confrarías, en temas como a ordenación do litoral, as cotas e zonas de pesca entre outras cuestións.
Neste momento, estamos a sufrir unha diminución da produción dramática con efectos non só no sector extractivo, senón que se trasladan a toda a cadea mar industria.
A Comisión Mar Industria da CEG, analizou os datos que corroboran a caída de produción de bivalvo de cuncha branca e tamén do mexillón, chegando a cifras nalgunhas especies do 100%.
Diante desta situación, celebramos unha reunión e solicitamos ao conselleiro do Mar que poidamos traballar todos xuntos en coñecer mellor as causas que están a xerar esta situación e que son de diferente natureza. Propuxemos traballar dende o coñecemento nas solucións adecuadas que permitan a Galicia recuperar os niveis de produción.
Coñecemos a responsabilidade e competencia de cada un dos actores e en particular o papel da Xunta de Galicia, á que corresponde dispor as medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos, incluídos os plans de xestión. Pero entendemos que iso non é incompatible con escoitar a todos os operadores do sector, afectados directa ou indirectamente pola situación e en consecuencia interesados en identificar as medidas idóneas que conduzan ao obxectivo que debe ser por todos compartido, de que as nosas rías sexan un referente en calidade de produto (como xa o son), pero tamén cun nivel de produción adecuado e que neste momento está moi por baixo da nosa capacidade.
Polo tanto, dende a CEG seguiremos traballando en identificar as necesidades dos nosos sectores e en particular do mar industria, pola importancia que ten para Galicia e na identificación de medidas e solucións aos problemas que ten o sector.
Por iso consideramos que a creación de mesas de traballo, na que todas as partes afectadas e baixo a coordinación da Consellería do Mar traballen en favor de obxectivos comúns sería un instrumento de utilidade, a condición de que participen todas as partes implicadas e así llo propuxemos ao conselleiro.
Consideramos que nestas mesas debemos estar todos e por suposto as confrarías, ás que consideramos parte esencial na procura de solucións para recuperar os niveis de produción.
En definitiva, trátase dunha proposta de cooperación e de xuntar esforzos ao redor dun obxectivo común.