As comisións de traballo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuníronse coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e entre outros asuntos repasaron, principalmente, o acordo de transferencia da xestión do litoral a Galicia, o seu estado de situación e os próximos pasos, ademais de recapitular as propostas do empresariado galego para a Lei de Administración Ambiental Simplificada.
"A xestión do litoral é unha oportunidade única. É preciso que as administracións autonómica e central continúen traballando de maneira coordinada co tecido empresarial e os axentes sociais para que esta nova competencia tradúzase en beneficios concretos para a sociedade galega", asegura Juan Manuel Vieites.
Neste sentido, o presidente da CEG detalla que se presentan as seguintes necesidades:
- A transferencia dos medios que fagan posible a efectividade das competencias que agora asume Galicia e que dita transferencia se faga con axilidade.
- Manter un diálogo construtivo entre as administracións competentes.
- Seguir instando o Goberno central a que estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores e administracións afectadas, especialmente ante calquera iniciativa ou reforma lexislativa ou regulamentaria, como a do regulamento da Lei de Costas.
Foro do litoral de Galicia
Xa no mes de decembro dende a Confederación de Empresarios de Galicia fixéronse achegas en canto á composición e funcións que debe ter o Foro do litoral de Galicia.
"É esencial que se asegure unha participación efectiva de todos os sectores socioeconómicos na formulación e execución de estratexias e proxectos vinculados á ordenación costeira. Esta participación non só enriquecerá o proceso de toma de decisións, senón que tamén promoverá un enfoque inclusivo e equilibrado que reflicta as diversas perspectivas e intereses de Galicia", explica Vieites.
Para asegurar unha actividade eficiente, a CEG entende que, "diante da posibilidade de solapamento no coñecemento de certos asuntos que poidan ser competencia doutros órganos consultivos, é recomendable incluír na composición do foro unha representación adecuada doutros departamentos ou unha comisión interdepartamental. Ademais, é imprescindible que este espazo sexa técnico, xurídico e con implicacións prácticas, asegurando que as discusións e decisións sexan informadas, legalmente sólidas e aplicables no contexto real".
Será fundamental que as cuestións de interese traballadas no foro se trasladen ás consellerías e/ou departamentos competentes na materia obxecto de estudo, para que sexan consideradas para a súa incorporación nas medidas adoptadas, ben normativas e regulamentarias ben de calquera outra índole, nas que se reflictan as necesidades e realidades do litoral galego.
En canto a aspectos máis concretos relativos á composición e a organización, a CEG manifestou que, sen prexuízo pois da participación das administracións públicas con competencias que afecten dalgún modo á xestión do litoral, das universidades e entidades científicas e das organizacións ambientais e de defensa do patrimonio cultural, incluíndo a comunidades locais, "é preciso pór en valor a importancia e o peso singular que os sectores produtivos deben ter na devandita composición".
É por iso que, din, "será esencial contar coa participación dos representantes das empresas a través das súas organizacións. En particular proponse que poida facerse efectiva dita participación a través da organización empresarial intersectorial máis representativa de Galicia, que recolla as visións dos sectores concernidos pola xestión do litoral e máximos interesados na súa sostibilidade".
Engaden que "esta composición asegura unha gobernanza participativa e efectiva, integrando as perspectivas necesarias para fomentar un equilibrio sustentable entre desenvolvemento e conservación".
Lei de Administración Ambiental Simplificada
As propostas da CEG para a Lei de Administración Ambiental Simplificada de Galicia teñen como obxectivo contribuír a facer desta norma unha oportunidade para aliñar a sostibilidade ambiental coa competitividade empresarial, fortalecendo o tecido produtivo galego e xerando un impacto positivo tanto económico como ambiental.
Neste sentido, enumeran entre as súas peticións:
- Prever na norma unha avaliación sistemática e exhaustiva dos procedementos administrativos no ámbito ambiental para identificar e analizar os puntos críticos que xeran demoras.
- Adaptar a normativa autonómica aos estándares máis recentes da lexislación ambiental nacional e europea vixentes, sen prexuízo de preservar e promover unha contorna que favoreza o desenvolvemento de proxectos.
- Unificar os instrumentos de prevención e control ambiental nun único corpo normativo, asegurando que esta unificación non complique a súa aplicación práctica.
- Crear unha plataforma dixital centralizada para todos os trámites ambientais, permitindo ás empresas xestionar autorizacións sen rexistros adicionais e seguir o estado dos seus expedientes en tempo real. Incluír ferramentas de pre-avaliación ambiental para avaliar preliminarmente a viabilidade de proxectos.
- Desenvolver guías sectoriais específicas (agricultura, enerxía, telecomunicacións, etc.) para clarificar os requisitos de documentación e criterios de avaliación ambiental, asegurando que calquera cambio estea apoiado por informes técnicos ou científicos.
- Ofrecer flexibilidade nos trámites para proxectos innovadores, incluíndo exencións temporais durante períodos de proba.
- Asegurar que a normativa non impoña novos rexistros, taxas ou custos que afecten a competitividade das empresas galegas. Priorizar incentivos sobre sancións.
- Elaborar unha guía para o cálculo da fianza ambiental en instalacións de residuos.