O representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla Ramil, mantivo un encontro esta mañá coa recentemente nomeada conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nunha primeira toma de contacto promovido por este departamento e os distintos axentes sociais co obxectivo de iniciar as reunións do Diálogo Social de Galicia nun futuro próximo.
Fontenla Ramil trasladoulle á conselleira a preocupación dos empresarios galegos polo impacto da crise do coronavirus no emprego e a economía galega, así como en manter a prioridade de preservar a saúde e a seguridade da poboación galega. Ademais, o representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG puxo o acento na necesidade de potenciar o Diálogo Social na comunidade autónoma –do mesmo xeito que se está facendo a nivel nacional-, para a articulación de medidas que resolvan as problemáticas das persoas traballadoras e empresas galegas ante o novo escenario derivado da pandemia; e en fortalecelo para realizar un traballo permanente de proposta de medidas, de avaliación de impacto e de resultados, e de modificación das mesmas ou proposición de novas medidas en función da evolución da situación actual.
Os empresarios galegos acolleron con satisfacción a constitución deste novo departamento, xa que denota a aposta clara do Goberno autonómico pola abordaxe das principais dificultades derivadas da situación provocada polo COVID-19 en materia de emprego e igualdade, así como a elección do perfil da nova conselleira, amplamente coñecedora das mesmas.