A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) culminou esta mañá a celebración do seu 40º aniversario cun acto de peche orientado a recoñecerlle ás súas organizacións integradas o compromiso coa organización e o labor prestado ao servizo das empresas de Galicia.
Así, e segundo o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, “durante o últimos corenta anos, a organización empresarial galega foi o resultado da visión e o esforzo dos empresarios que conformastes os nosos órganos de goberno, tamén do traballo adaptado ás necesidades do tecido empresarial de Galicia por parte do seu equipo humano e profesional”.
Cunha clara mirada ao futuro, Vieites animou aos integrantes da organización para seguir traballando co obxectivo de “afrontar unha fase crave para consolidar unha recuperación económica sólida e xusta”, ademais de “enfrontarnos con éxito a unha nova conxuntura de cambio de modelo produtivo, un ritmo acelerado da evolución tecnolóxica e unha sociedade cada vez máis comprometida con valores como a sustentabilidade”.
“En definitiva –expuxo o presidente da CEG-, toca seguir traballando de xeito conxunto por un tecido empresarial galego máis forte e competitivo que redunde no desenvolvemento e a prosperidade económica e social da nosa terra”.
O acto desenvolveuse no Hostal dos Reis Católicos e foi patrocinado polo Banco Sabadell, entidade financeira integrada no Consello Asesor da organización empresarial galega e que estivo representada no mesmo por Pablo Junceda Moreno, director xeneral adxunto do Banco Sabadell e director xeral de SabadellGallego.