A Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra con gran satisfacción o acordo alcanzado entre a Xunta de Galicia e o Goberno central para a transferencia da xestión do litoral á nosa comunidade. Este fito, o primeiro en materia de competencias en 15 anos, representa un avance transcendental para Galicia no que respecta ao desenvolvemento económico e sustentable do noso territorio.
Desde a Comisión inciden en que "a xestión do litoral é unha oportunidade única para potenciar sectores e actividades estratéxicas como as que engloba o sector mar industria, pero tamén outros como o turismo e as moi diversas actividades que se desenvolven nos nosos portos e en xeral no noso litoral, alicerces fundamentais da economía galega. Esta transferencia permitiranos adaptar a xestión ás particularidades da nosa contorna e garantir un equilibrio entre a protección ambiental e a promoción de actividades produtivas".
Así pois, valoran especialmente a posibilidade de contar cun marco máis próximo e áxil para a toma de decisións, que debe contribuír á redución das barreiras burocráticas de quen opera neste ámbito.
A Comisión Mar Industria da CEG insta ás administracións autonómica e central "a traballar de maneira coordinada co tecido empresarial e os axentes sociais para que esta nova competencia se traduza en beneficios concretos para todos os galegos".
Din que "este acordo pon de manifesto que o diálogo e a cooperación entre administracións son esenciais para avanzar no desenvolvemento de Galicia e do conxunto de España".
Por iso, engaden que continuarán colaborando estreitamente "para aproveitar esta oportunidade e contribuír a un futuro máis próspero e sustentable para a nosa comunidade. É necesario agora a transferencia dos medios que fagan posible a efectividade das competencias que agora asume Galicia e que dita transferencia se faga con axilidade".
Así mesmo, sosteñen que "é clave manter un diálogo construtivo entre as administracións competentes, que permita desenvolver, no que sexa preciso, a regulación no ámbito que corresponda e sobre todo coordinar a xestión e tramitación que precisen as accións a desenvolver sobre o territorio. Ninguén máis interesado e comprometido coa súa preservación e coidado que a xente do mar e os galegos que alí viven e traballan cada día".
Doutra banda, desde a Comisión Mar Industria da CEG lembran que seguirán instando o Goberno central "a que estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores e administracións afectadas, especialmente ante calquera iniciativa ou reforma lexislativa ou regulamentaria, como a do regulamento da Lei de Costas".