A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou un xantar-coloquio co presidente da Comissão de coordenação e desenvolvimento rexional do Norte CCDR-N de Portugal, António Cunha, e os sectores estratéxicos da CEG, ademais do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Durante a convocatoria debulláronse algúns temas prioritarios e de cooperación entre ambas as rexións, en materia de infraestruturas e enerxías.
O presidente da CEG urxiu as conexións pendentes tanto no ámbito ferroviario como enerxético, "como base da cohesión territorial, xa que Galicia e Portugal teñen retos comúns nos que deben cooperar e traballar conxuntamente para alcanzalos. A situación xeográfica da eurorrexión será unha vantaxe se contamos cunhas infraestruturas de transporte adecuadas que nos permitan ser un nodo de conexión intercontinental. É clave axilizar a renovación da conexión ferroviaria de Galicia e Portugal. Vigo e Porto deben estar canto antes conectados na contorna dunha hora e adecuar aos tempos e necesidades á actualidade".
Juan Manuel Vieites sinalou que esperan que España priorice, do mesmo xeito que o fixo xa Portugal, a conexión Ibérica polo Porto-Vigo.
Por outra banda, o goberno portugués realizou un investimento próximo aos 17.000 millóns de euros en enerxías renovables, nos últimos anos. Neste sentido e baixo a premisa de que Portugal e España están nun mercado común eléctrico, advertiu de "a importancia de potenciar as oportunidades entre ambos indica que temos a capacidade de ser un punto de entrada de enerxía e ser provedores de enerxías renovables para Europa, e para iso, debemos ter conexións e infraestruturas potentes".
Do mesmo xeito, aproveitou a ocasión tamén para falar do corredor do hidróxeno. "Galicia é unha potencia dentro do sector do hidróxeno, cun sector tanto privado como público que funciona, pero necesitamos estar conectados e non illados. Portugal é indiscutiblemente un socio estratéxico para Galicia e España, para defender intereses comúns na Unión Europea e para situarnos nos diferentes mercados. Xuntos somos máis fortes e competiremos mellor en Europa e no mercado mundial".
O presidente da CEG destacou que "as CCDR están de plena actualidade", xa que o organismo constituíuse, desde o 1 de xuño, en instituto público, integrando diversas políticas para a promoción e desenvolvemento do territorio. Os servizos descentralizados do estado portugués pasan a traballar en conxunto e de forma coordinada e as CCDR contan agora, por tanto, con maior autonomía na prosecución dos seus obxectivos, o cal permitirá políticas máis adecuadas a cada territorio.
"Hoxe a CCDR-N, é un servizo da administración directa do estado portugués, dotado de autonomía administrativa e financeira e un axente crave na execución das políticas de medioambiente, de ordenación territorial e cidades e desenvolvemento rexional do Norte de Portugal", subliñou Juan Manuel Vieites.
Que ademais sinalou que o labor fundamental da CCDR-N "é ser o interlocutor do norte de Portugal no marco da cooperación transfronteiriza con Galicia na Comunidade de Traballo, cuxo brazo executivo é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial. É por iso que o reforzo das capacidades e autonomía da rexión é importante tamén para o noso espazo de cooperación".
Cabe lembrar que, a Confederación de Empresarios de Galicia traballa estreitamente, a través de dúas redes europeas, con socios do norte de Portugal, como a propia AEP ou Confminho, "para coñecer a realidade da mobilidade de traballadores e empresas entre ambos os países e sobre todo contribuír a solucionar os obstáculos que aínda persisten á mobilidade de persoas para traballar ou para residir e á mobilidade das empresas que prestan servizos alén da fronteira, ben con establecemento permanente ben en libre prestación de servizos".
A rede EURES e a Enterprise Europe Network, das que é socia a CEG, son un paraugas e apoio fundamental a esta mobilidade "e niso seguiremos traballando", subliñou Vieites, xa que a CEG coordina precisamente, no marco do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, a elaboración dun informe con carácter anual, recollendo e sistematizando fontes e datos para coñecer mellor a mobilidade.
Así mesmo, é a única organización empresarial que conta cunha conselleira EURES en España, un persoal altamente especializado e integrado na Rede EURES, que presta servizos de información e asesoramento ás empresas de Galicia en materia de mobilidade transfronteiriza.