A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuniuse co conselleiro comercial da Embaixada de EEUU en España, John Coronado, como primeira toma de contacto e limiar da próxima vista do embaixador norteamericano a Galicia.
O presidente da CEG dialogou con Coronado sobre os distintos sectores empresariais de Galicia, como o téxtil, pesqueiro, forestal, mineiro, as enerxías renovables, a industria aeronáutica e aeroespacial, o TIC, etc.
Juan Manuel Vieites explicou que "Galicia distínguese por un tecido económico diverso e dinámico, que lle permite situarse estratexicamente no mercado internacional. Nun contexto global en constante cambio, é esencial que as rexións da UE, como Galicia, aproveiten ao máximo as oportunidades que ofrecen o mercado estadounidense para impulsar o seu desenvolvemento económico, a innovación e a competitividade internacional".
Así mesmo, falaron do sector biotecnolóxico galego, xa que o mércores tanto o conselleiro como a CEG participaron, no Biopolo Sionlla, nunha reunión para explorar as oportunidades de cooperación entre Galicia e Carolina do Norte. Un evento organizado por Bioga e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Sobre este tema, Vieites destaca que "Galicia conta con empresas pioneiras en áreas como a nanobiotecnoloxía, a xenética aplicada á acuicultura e o desenvolvemento de biofertilizantes, situando a Galicia como un referente no ámbito nacional e internacional. Con algunhas destas empresas compartiches mesa onte na xornada organizada por BIOGA. Tamén contamos con centros de investigación e universidades de excelencia e referencia internacional que traballan estreitamente coas empresas para desenvolver produtos innovadores. A transferencia de tecnoloxía entre estes centros e as empresas é unha estratexia crave para mellorar a competitividade".
Dende a CEG trasladaron a John Coronado que "Galicia preséntase como unha rexión cun ecosistema económico altamente competitivo e diversificado, que impulsa o seu crecemento e posicionamento estratéxico tanto a nivel nacional como internacional. As empresas galegas desempeñan un papel importante grazas á súa competitividade en mercados internacionais. Para fortalecer estas relacións, sería clave establecer acordos bilaterais máis específicos en sectores de interese mutuo e fomentar iniciativas de internacionalización para pequenas e medianas empresas, especialmente galegas, que desexen ampliar o seu alcance no mercado estadounidense".
Considerando os datos do últimos cinco anos, Vieites lembra que "as exportacións dende Galicia con destino EE.UU. incrementáronse un 37,78% o cal indica que os produtos galegos están a gañar demanda no mercado estadounidense, con todo, o incremento de máis dun 191% nas importacións desde Estados Unidos a Galicia implica un crecemento da dependencia de produtos con esta orixe".
No ano 2023 foron sectores como a extracción de cru, a industria da alimentación e as coquerías e refinarías de petróleo as actividades con maior valor nas importacións procedentes de EE.UU. En sentido contrario, as empresas galegas con maiores exportacións pertencían a sectores como as coquerías e empresas dedicadas á refinación de petróleo, a industria química e a industria da alimentación.
Ademais, trasladou a preocupación sobre que "a economía galega é porosa e dependente de decisións que incidan directamente sobre o proteccionismo que se poida aplicar ao mercado estadounidense. O encarecemento dos aranceis aplicables ou a aplicación doutro tipo de barreiras ou políticas proteccionistas (subsidios, regulacións e leis, acreditacións e certificacións, requisitos técnicos, etc.) afectaría moi directamente á nosa economía especialmente a aqueles sectores máis exportadores e que son de gran importancia para Galicia como a industria da alimentación, a industria química ou a industria de maquinaria e equipos".