A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) felicita ao Partido Popular polo resultado electoral obtido –xa que contribúe a unha estabilidade imprescindible para afrontar a recuperación económica, máis urxente e necesaria que nunca-; e pide ao novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo traballar con présa e resolución no labor de reconstrución económica de Galicia tras a crise do COVID-19.
Para iso, considera que é preciso poñer en marcha canto antes o “Plan de reactivación e dinamización económica”; impulsar a competitividade dos sectores produtivos e a creación de emprego,poñendo o foco no crecemento intelixente sobre a base da I+D+i e a modernización tecnolóxica e dixital, a variante energéticamedioambiental e a sanitaria-social; abordar a reindustrialización de Galicia; fortalecer as políticas activas de emprego e os plans de formación das empresas para potenciar a capacidade das persoas; captar e reter o talento e o posicionamento da comunidade galega como un referente para a atracción de investimentos; procurar a chegada definitiva do AVE; frear o declive demográfico e atender á cohesión social e ao medio rural; e defender os intereses de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico.
Neste sentido, a CEG bríndalle o seu total apoio e disposición ao novo Executivo autonómico para traballar estreitamente no restablecemento económico e social de Galicia.
Por último, a patronal galega manifesta a súa satisfacción polo impecable desenvolvemento da xornada electoral, pola alta participación rexistrada e a ausencia de incidentes, que apoian novamente o carácter democrático e a responsabilidade da sociedade galega.