A Confederación de Empresarios de Galicia acaba de editar un novo número do Boletín Eures, seguindo co desenvolvemento das accións comprometidas pola entidade como socia do EURES Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal.
Nesta edición, facémonos eco da revisión e actualización da Declaración emitida o pasado mes de xullo pola Alianza pola Cohesión, coalición apoiada por máis de 12.100 institucións e organizacións europeas en favor dunha política de cohesión forte e comprometida co proceso de integración europeo.
En liña coa máis rigorosa actualidade, a maioría dos contidos recollen cuestións relacionadas coa situación excepcional que estamos a vivir como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19; así nesta ocasión preséntase un amplo monográfico no que se analiza o paquete de medidas que conforman a resposta da Comisión Europea ás situacións derivadas do coronavirus e o recente acordo alcanzado polo Consello Europeo sobre o próximo Marco Financeiro Plurianual (2021-2027) e sobre o Next Generation EU, que recollen importantes compromisos financeiros para contribuír a unha rápida recuperación dos Estados da UE.
Doutra banda, e dado que o traballo a distancia e en particular o teletraballo alcanzaron un enorme protagonismo durante a pandemia, e conscientes de que esta será unha forma de organizar o traballo cada vez máis presente nas nosas economías, nesta edición preséntase unha análise da regulación deste tipo de traballo en España e en Portugal, así como das propostas que se manexan na actualidade a ambos os dous lados da fronteira.
Por último, destacar que nesta ocasión e dentro da sección na que se analizan as ofertas de emprego xestionadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e polos Centros de Emprego da Rexión Norte de Portugal como indicadores das tendencias de ocupacións e sectores de actividade con maior dinamismo na Eurorrexión, incorpóranse táboas comparativas dos anos 2019 e 2020 referidas aos meses de marzo, abril e maio a fin de coñecer como está a influír a crise actual provocada pola Covid-19 no mercado laboral da Eurorrexión.
Boletín Eures-T Norte Portugal-Galicia Nº 24