A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as súas organizacións integradas –confederacións provinciais e asociacións sectoriais- manifestan o seu total desacordo coa última proposta de reforma laboral presentada polo Goberno no marco do Diálogo Social, tras a análise da mesma pola Comisión de Relacións Laborais, Emprego e Formación da organización empresarial galega nunha reunión celebrada esta semana.
Consideran que non é o momento oportuno de abordar unha reforma que non se aliña coas necesidades das empresas e sectores produtivos na actualidade e que comprometen a recuperación económica. É máis, unha vez que se vaia recuperando a situación de normalidade en base á vacinación da poboación e da pandemia derivada da COVID-19, segue sendo fundamental q que as institucións do mercado laboral continúen brindando a suficiente flexibilidade ás empresas e teñan en conta as necesidades das mesmas.
A realidade é que coa proposta do Goberno, todas as necesidades conxunturais que teñen agora mesmo as compañías para contratar cando hai estacionalidade non estarían cubertas, incrementando deste xeito a redución da flexibilidade na contratación e afectando o emprego.
Así, a aprobación da devandita reforma introduciría máis inseguridade xurídica, incerteza e dificultades para que as empresas poidan manter os postos de traballo
Por tanto, calquera revisión futura no ámbito laboral debería basearse en manter e incrementar dita flexibilidade e adaptación ás necesidades das firmas e sectores produtivos, sobre a base de facilitar o crecemento da produtividade laboral e contando sempre co indispensable consenso no diálogo social.