CEG

 

A CEG denuncia que “a ausencia de Galicia no mapa do corredor de hidróxeno de Bruselas condénanos ao illamento e a perder competitividade”

A CEG denuncia que “a ausencia de Galicia no mapa do corredor de hidróxeno de Bruselas condénanos ao illamento e a perder competitividade”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) lembra que "necesitamos estar conectados e non illados. O Goberno de España garantiu que Galicia non quedaría fóra do corredor de hidróxeno verde que comunicará Portugal, resto de España, Francia e Alemaña, H2Med".

O presidente do empresariado galego denuncia que "estase negando a Galicia un desenvolvemento igualitario con respecto a outras comunidades de España ao pór en risco investimentos millonarios destinadas a grandes proxectos como as plantas de Meirama, As Pontes e Arteixo. Vólvese a dar as costas aos proxectos galegos. Perderemos competitividade. Se Europa non financia, esiximos o compromiso do Goberno de España para acometer estas infraestruturas e o seu financiamento e impedir a ausencia de Galicia no mapa do corredor de hidróxeno de Europa". 

Reclama que o importante esforzo e compromiso das empresas para a produción de hidróxeno verde en Galicia "non está a ser correspondido cunha aposta clara e decidida para conectar o noso territorio con Portugal e co resto de Europa, como sería razoable. E o máis grave é estamos condenados unha vez máis ao illamento".

E é que non haberá fondos europeos para conectar Galicia ao gran corredor europeo do hidróxeno verde. A Comisión Europea acaba de anunciar que o hidroducto H2Med e a súa rede troncal formarán parte da lista de 166 proxectos enerxéticos de interese estratéxico para a UE e, por tanto, poderán optar a subvencións con carácter prioritario. Queda excluído o tramo Guitiriz-Zamora.

"Galicia é unha das comunidades autónomas que máis produción de enerxía renovable achega. Non é moi coherente que se contamos cunha carteira de proxectos que situarán a Galicia a nivel internacional e que previsiblemente contarán con financiamento comunitario, non se aposte polas infraestruturas necesarias que permitan o seu despregamento e competitividade", lamenta o presidente da CEG.

Juan Manuel Vieites afirma que "se entorpece aínda máis a nosa cohesión económica social e territorial co resto do Estado e con Europa. España debe trasladar á Unión Europea plans e propostas que conteñan as necesidades de Galicia para o seu desenvolvemento e para a competitividade das súas empresas: No mapa de Bruxelas non hai ningunha infraestrutura que chegue a Galicia, porque non se fixeron os deberes".

Desde a CEG lembran que "se deberá acometer a electrificación da economía e dar o impulso definitivo ás enerxías renovables, aproveitar a experiencia adquirida na implantación de tecnoloxías como a solar ou a eólica terrestre que deben seguir avanzando e no desenvolvemento e instauración de novas tecnoloxías vinculadas ao hidróxeno, á eólica mariña ou a biomasa".

España conta cun mix de enerxías renovables máis alto que o doutros estados da UE, producindo en 2021 o 46,7% de toda a electricidade xerada no país; mentres que o cociente de xeración renovable en Galicia en 2020 sobre a total foi do 76%, "polo que temos unha situación óptima na que debemos seguir traballando, os fondos europeos eran e son unha panca clara no camiño deste cambio, a condición de que se acelere a súa execución".

Por outra banda, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) advirte que "comprometeuse a gran aposta de Galicia pola transición enerxética, pero tamén se puxo en perigo a viabilidade de empresas e proxectos industriais que subscribiran contratos PPA cos promotores de moitos destes parques e cuxa competitividade queda agora comprometida se non se executan os proxectos. Que varios proxectos eólicos estean paralizados e xudicializados implicou custos económicos millonarios e xerou incerteza e inseguridade xurídica para as empresas involucradas e para todo o tecido industrial de Galicia". 

Cada MW créase ao redor de 4 empregos e a eólica terrestre estímase en ao redor de 2.500 millóns de euros o investimento no próximo quinquenio.

Sobre esta paralización, asegura que non só afectou aisladamente aos proxectos obxecto de instalación, senón que "terá graves implicacións para outros proxectos novos e tractores da economía como son os de hidróxeno e de amoníaco ou fabrís xa anunciados e que demandarán un gran consumo de enerxía nova e renovable, que poderían perigar se os desenvolvementos eólicos non se implantan na nosa comunidade: Podería estenderse esta práctica a todos os proxectos industriais que precisen dunha Autorización Ambiental Integrada".

Ademais, din que hai que ter en conta que ditas paralizacións xeran prexuízos irreparables claros a curto prazo como a caducidade dos permisos de acceso e conexión; incumprimentos nos contratos a longo prazo de subministración de enerxía (PPA) ou o pago de penalizacións millonarias por incumprimento de contratos con tecnólogos e empresas construtoras.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.