A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recolleu esta mañá a luva exposta polos titulares de Economía, de Facenda e de Emprego da Xunta de Galicia de animar e colaborar coas persoas autónomas e micropemes para que cos seus proxectos contribúan a ampliar a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.
A proposta foille exposta a Antonio Fontenla Ramil, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG, nunha reunión mantida esta mañá entre os conselleiros de Economía, Empresa e Innovación; de Facenda e Administración Pública; de Emprego e Igualdade; e os interlocutores da patronal e os sindicatos UXT-Galicia e COOO de Galicia.
Neste sentido, a organización empresarial agradece o reforzo do diálogo social por parte do Goberno autónomico para impulsar a reactivación económica, laboral e social en plena pandemia. Máis que nunca, resulta imprescindible botar man desta ferramenta para atender a todas as empresas, persoas traballadoras e familias que están a sufrir as consecuencias da mesma.
Finalmente, a CEG solicita a maior présa na publicación oficial do Plan de rescate de persoas traballadoras e microempresas posto en marcha pola Xunta de Galicia para que comecen a fluír canto antes as axudas tan necesarias para algúns dos sectores máis prexudicados por esta crise.