CEG

 

A CEG chama ao equilibrio e á aposta pola eficiencia e a produtividade en canto ao aproveitamento dos recursos forestais galegos

A CEG chama ao equilibrio e á aposta pola eficiencia e a produtividade en canto ao aproveitamento dos recursos forestais galegos

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) chama ao equilibrio e a apostar pola eficiencia e a produtividade en canto ao aproveitamento dos recursos forestais galegos e a evitar a demonización sistemática de especies e aproveitamentos.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, explica que, na actualidade, "queda claro que a nosa responsabilidade e labor, tanto de administracións como de empresas, así como do conxunto da sociedade, é pór en valor e en equilibrio a sustentabilidade, o medio ambiente, os nosos recursos naturais e o aproveitamento dos mesmos, por tanto, tamén hai que pór en valor a economía, o sector forestal, a creación de empregos e a produción de calidade. Galicia ten que ser un exemplo de país moderno e industrializado. É de xustiza buscar un necesario equilibrio entre o aproveitamento dos recursos naturais que temos, sen prexuízo de perder o noso patrimonio e a nosa identidade".

Segundo o Inventario Forestal Continuo, en Galicia rexistráronse 409.026 hectáreas de eucaliptos que supoñen unha fonte importante de ingresos en áreas rurais e en especial para as familias galegas. "Dende un punto de vista económico, non podemos esquecer que o eucalipto contribuíu ao desenvolvemento de actividades económicas locais, xerando emprego e un sector forestal de referencia en Galicia. Sector que contribúe ao desenvolvemento do medio rural e á cohesión territorial".

Vieites tamén fai alusión a que "en todo caso, a protección do noso patrimonio natural e da biodiversidade e a preservación doutras especies arbóreas é xa unha prioridade das administracións, pero tamén de todos os galegos. A normativa que limita a plantación de eucalipto busca preservar o equilibrio e a sustentabilidade dos nosos bosques, compatibilizando o aproveitamento forestal coa biodiversidade e unha configuración heteroxénea destes. A normativa é xa moi esixente, seguramente máis do necesario, e por iso non deixa marxe ao risco".

Dende a CEG sinalan que a ordenación e aproveitamento dos nosos bosques, é a única forma de garantir a súa sustentabilidade. "O bosque ten que ser rendible ou polo menos compensar o custo que supón o seu mantemento. O eucalipto é a especie tractora do sector forestal en Galicia".

É por iso que inciden en "avogar por un aproveitamento ordenado e eficiente da nosa superficie forestal, que evite o risco de incendios e preserve a biodiversidade, promova o desenvolvemento económico do territorio e o asentamento de poboación en torno ao aproveitamento dos recursos".

Para iso, lembran que "é necesaria unha xestión que aposte pola eficiencia e a produtividade e permita un mellor aproveitamento de todos os recursos".

O sector empresarial galego defende, como o fai a cadea de valor do sector forestal madeireiro, un monte diverso, que achegue alternativas economicamente rendibles para os seus donos, posto que, ademais, iso supón combater o abandono do medio rural galego. "A boa xestión dos recursos naturais xerará beneficios para o conxunto da comunidade".

O presidente da CEG insiste, por último, en que "este desenvolvemento ordenado e sustentable non debe pasar pola demonización de determinadas especies, senón polo equilibrio e racionalización dos aproveitamentos e por salvagardar ao mesmo tempo o noso patrimonio en sentido amplo".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.