CEG

 

A CEG avoga por reforzar o papel do diálogo social no deseño de medidas de transformación económica e social de Galicia

A CEG avoga por reforzar o papel do diálogo social no deseño de medidas de transformación económica e social de Galicia

A Confederación de Empresarios de Galicia avoga por reforzar o diálogo social como ferramenta clave para que os interlocutores sociais participen activamente nas políticas e medidas de transformación económica e social.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sinala que están de acordo co titular de Emprego da Xunta de Galicia en tomar medidas para dar saída ás necesidades das empresas, como o importante número de vacantes non cubertas, un absentismo laboral por incapacidade temporal por continxencias comúns en continua escalada e unha necesidade de mellorar a produtividade nos diferentes sectores produtivos, ademais da igualdade no ámbito laboral, así como os riscos laborais e a redución da sinistralidade. 

Vieites subliña que "dende a CEG manifestamos tamén a nosa preocupación, xa que calquera cambio na normativa laboral debe ser deseñado cun entendemento claro das realidades do tecido empresarial, especialmente cando se trata de pemes que enfrontan desafíos estruturais e financeiros significativos". 

Falan da necesidade da creación dunha mesa de industria e enerxía, para poder facer subgrupos de traballo sobre estes temas, que hoxe teñen especial protagonismo e que resultarán fundamentais para aumentar o peso industrial de Galicia. 

En canto ás políticas activas de emprego e a formación, dende a CEG apuntan que as microcredenciales resultarán fundamentais para adaptar a formación dos traballadores a unha contorna que cambia a gran velocidade e ao que temos que adaptarnos constantemente. Por tanto, a flexibilidade e a axilidade na resposta formativa permitirá afrontar os retos das empresas e optimizar o engarce entre oferta e demanda de emprego. Necesitamos a todas as persoas en idade de traballar incorporadas ao mercado de traballo e para iso debemos traballar conxuntamente na mellora das medidas activas de emprego.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.