A Comisión Mar-Industria da CEG mostrouse totalmente comprometida na defensa do sector e sinala cunha nova reunión que existe "unha unidade de acción en Galicia para defender o sector e para afrontar conxuntamente os problemas do mesmo".
Creada no seo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Comisión volveuse a reunir para compartir coa Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, todos os asuntos urxentes para o seu seguimento e agradeceron á titular da entidade, Rosa Quintana, a súa disposición para traballar en favor dos intereses con todos os axentes implicados.
Entre outras cuestións, trasladaron a máxima preocupación pola expulsión dun mil barcos de 16.419 km2 en España, Portugal, Francia e Irlanda, en zonas consideradas como ecosistemas mariños vulnerables.
Dende a Comisión Mar-Industria da CEG sinalaron que "esta decisión de veto suporá un impacto prexudicial moi acusado na industria pesqueira galega. É unha medida desproporcionada e inxusta por non contar coa información científica máis actual dispoñible. É imprescindible que se teñan en conta os preceptivos informes de impacto socioeconómico que esta medida terá".
Expoñen a necesidade de que sexan comisarios diferentes os que se encarguen de Pesca e de Medio Ambiente e Océanos.
Por outra banda, a Comisión chama a atención sobre a exclusión do Goberno dos produtos pesqueiros como alimentos básicos. As estimacións do sector apuntan a que as vendas dos seus produtos en España contraéronse un 20% nos dous primeiros meses de 2023. "Dita exclusión está desincentivando a súa compra e, por tanto, agravando o descenso no seu consumo, algo que xa padece desde hai anos en España a pesar de ser un dos alimentos básicos de calquera dieta saudable".
Neste sentido, lembraron que, ademais, en practicamente todos os países da UE nos produtos pesqueiros están a aplicar tipos inferiores ao 10 % que actualmente se imputa en España.
Ao impacto do IVE únese o novo gravame ao plástico dun só uso, que se empezou a aplicar xa en España, a diferenza doutros países que optaron por acollerse á moratoria que prevé a normativa comunitaria. "Pedimos que España se acolla tamén á moratoria e que eviten subir con iso o prezo dos alimentos nesta época de inflación intensa".
Tamén subliñan a promoción da dieta atlántica como unha dieta rica en alimentos de alto valor nutricional e que ten un impacto positivo na saúde dos cidadáns. "A importancia do sector pesqueiro e da industria galega justifica a aposta pola marca Galicia e a súa promoción a nivel nacional e internacional. É preciso articular unha estratexia que poña en valor a importancia do mar, os seus froitos e os produtos elaborados a partir destes".
Con respecto ao proxecto de Lei de Ordenación do Litoral, insistiron na necesidade dunha regulación propia, sen prexuízo de revisar e actualizar a normativa estatal, "que equilibre a protección da natureza coa actividade empresarial e industrial que se desenvolve no litoral, que debe ser preservada e reforzada, sempre en termos de sustentabilidade. É necesario un marco que de seguridade xurídica e protección aos establecementos xa existentes e aos de nova creación e facer un seguimento da tramitación da nova lei autonómica".
Tamén, falaron da renovación da frota. O sector requirirá un gran esforzo de financiamento para substituír a frota por buques con maior capacidade, novo deseño e máis eficientes. "Estamos convencidos de que a renovación da frota contribuiría a incrementar a seguridade e confort o que favorecería a substitución xeracional e a transmisión do coñecemento, así como a fixación de poboación local. Para iso, necesitamos que os fondos Next Generation poidan ser utilizados nesta renovación e que non se entenda necesariamente que o aumento de toneladas e volumes dos nosos barcos implica aumentar a capacidade pesqueira, senón que o que necesitamos é mellorar as condicións a bordo".
Esta mesma renovación leva a falar da substitución xeracional. Entre outras, desde a Comisión mar-industria da CEG propoñen: Permitir aos patróns costeiros polivalentes consolidado o seu enrole como terceiro patrón na frota de Gran Sol, sen o aumento de atribucións. E ampliar o número de países con acordos de recoñecemento de títulos pesqueiros, para facilitar a incorporación de titulados estranxeiros.
Por último, "dende o sector pesqueiro e dende a CEG, pedimos que se aborde o proxecto de transición enerxética da frota analizando en profundidade as posibilidades reais do uso de combustibles e fontes de enerxía neutros en carbono nos buques pesqueiros e en todo caso que se garanta unha transición que non implique inestabilidade para o sector, senón que se faga de maneira paulatina e segundo as posibilidades reais de transformación sen pór en risco a viabilidade das actividades", subliñaron.
A pesca en Galicia é un sector estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico e para a fixación de poboación, por iso, é de especial interese o seguimento da firma de acordos comerciais negociados pola UE nos que se discuta respecto da liberalización da pesca. Actualmente o 70 % dos produtos pesqueiros que se consomen na Unión Europea proceden do exterior.
"Isto mostra un desequilibrio na balanza comercial europea de produtos do mar e unha dependencia do exterior. Para unha competencia xusta, é preciso que todos os produtos importados cumpran as normas e os criterios alimentarios pertinentes da UE, incluídos os do PPC, así como as normas sanitarias, laborais e de seguridade dos buques e establecemento industriais, as obrigacións en materia de sustentabilidade e medio ambiente. Así mesmo, consideramos importante retornar o polo de decisión á UE, xa que Europa perdeu peso fronte ao eixo USA-ASIA neste sector", advertiron os membros da Comisión mar-industria da CEG.