CEG

 

O V aniversario do Acordo de Libre Comercio entre a UE e Canadá congrega na CEC a 50 empresas interesadas en coñecer as oportunidades de negocio no país

Encontro Empresarial
Encontro Empresarial

A conmemoración do V aniversario do Acordo de Libre Comercio entre a UE e Canadá – CETA- congregou esta tarde na Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) aos representantes de 50 compañías -en presencial e en liña-  interesadas en coñecer as oportunidades de negocio no país norteamericano no marco dun encontro empresarial organizado por  CEOE, a Secretaría de Estado de Comercio,  ICEX España Exportación e Investimentos e a Cámara de Comercio de España, en colaboración coa Embaixada de Canadá e as confederacións empresariais da Coruña e de Galicia.

O evento, que se suma a un ciclo de reunións previstas polas entidades organizadoras entre os meses de abril e novembro de 2022 ao longo do territorio español, brindoulles ás empresas galegas en xeral e coruñesas en particular –maiormente dos sectores da pesca, bancario, industria naval, seguridade, telecomunicacións e novas tecnoloxías-, a posibilidade de coñecer os grandes atractivos que ofrece esta economía, favorecidas polo Tratado subscrito fai agora cinco anos e de escoitar a experiencia de firmas que xa operan no devandito país.

Durante a súa intervención, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, cualificou o encontro como “unha excelente oportunidade para as firmas españolas, galegas e coruñesas, e en especial para as que teñen intereses en Canadá, de coñecer de primeira man as oportunidades de comercio e investimento entre ambos os países”.

Así, Fontenla resaltou o feito de que as empresas da Coruña representan o 60% do total das exportacións de Galicia a Canadá e o 70% das importacións, destacando as de téxtil, maquinaria e madeira, que supoñen a maioría dos bens e servizos enviados a aquel país desde A Coruña.

Engadiu ademais que o canadense é un mercado de enorme potencial polas súas características socioeconómicas como son “a estabilidade política, económica e monetaria, a súa poboación (máis de 38 millóns de habitantes), o PIB ou a súa industria, entre outros factores”.

Pola súa banda o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, explicou que Galicia e Canadá tiveron unha relación comercial estable de 2010 a 2020. “Durante ese decenio exportáronse 623,17 millóns de euros en produtos desde a nosa comunidade cara ao país americano. En concreto as exportacións tiveron unha tendencia crecente entre 2012 e 2020 e durante ese período pasaron de 22,25 millóns de euros a 88,76 millóns anuais”.

“Xa se nos fixamos no capítulo de importacións –expuxo o presidente da patronal galega-, entre os anos 2010 e 2020 importáronse produtos por un valor total de 472,72 millóns de euros a Galicia desde Canadá”.

Juan Vieites lembrou que por sectores, o da moda é o máximo exportador galego a Canadá, concretamente, as pezas téxtiles de vestir; seguido do material eléctrico. E os peixes e mariscos -máis concretamente crustáceos e moluscos-, ocuparon o ano pasado o terceiro lugar entre os produtos máis exportados.

“Con respecto ás importacións, en 2021 estas estiveron compostas principalmente por combustibles e  lubricantes seguidos de minerais. Os cereais,  oleaginosas e compoñentes do sector aeronáutico tamén teñen protagonismo entre os produtos importados desde Canadá”.

Por último, o presidente da organización empresarial galega apelou aos grandes desafíos que temos para seguir avanzando no ámbito da internacionalización, como son “a incerteza na evolución da conxuntura actual de prezos e a escaseza de materias primas, así como o custo enerxético, porque son extremos que inflúen nos custos de produción e por tanto na competitividade para poder exportar”. “Tamén ao de incrementar o tamaño das nosas compañías –manifestou-, xa que o 99,8% son pemes, e a súa capacidade de desenvolver estratexias de internacionalización é máis reducida”.

“Nestes momentos –sentenciou Vieites-, é clave a aposta das empresas polo comercio exterior para que teñan continuidade e sexan competitivas”.

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.