CEG

 

O presidente da CEG considera chave promover o mineiro pola gran capacidade de arrastre que exerce sobre sectores estratéxicos da economía galega

Reunión con AEVA e o Clúster da Pizarra
Visita á empresa de pizarra valdeorresa IROSA
Visita á adega A Croa

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, apostou esta mañá na súa visita institucional á comarca de Valdeorras por “promover o mineiro pola gran capacidade de arrastre e tracción que exerce sobre sectores estratéxicos da economía galega como o do automóbil, a construción, o naval, o metalúrxico ou o sector das TIC”, debendo deste xeito aspirar Galicia a “poñer en valor os seus recursos mineiros de forma sostible e responsable, involucrando para iso a todos os operadores que poidan achegar coñecemento neste campo”.

“A realidade actual fainos moito máis conscientes –en palabras de Vieites-, da necesidade de identificar materias primas e especialmente recursos minerais estratéxicos que contribúan ao crecemento e desenvolvemento da nosa industria presente e futura” e para o que “debemos poñer en marcha medidas que garantan unha subministración estable e a prezos razoables”.“Por suposto, todo iso sen perder de vista os ambiciosos obxectivos de neutralidade climática subscritos polos Estados membros da Unión Europea”, lembrou.

O presidente da CEG, que mantivo esta mañá unha reunión con Araceli Fernández do Palacio e  Victor Cobo Arias, presidentes da Asociación Empresarial de Valdeorras ( AEVA) e da Agrupación industrial da Lousa, respectivamente, e con vicepresidentes e outros membros das Xuntas Directivas de ambas as organizacións, e posteriormente visitou a nave de elaboración de lousa da empresa valdeorresa  IROSA, expuxo que Galicia sitúase como a cuarta comunidade autónoma en valor de produción de minerais, só por detrás de Andalucía, Cataluña e Castela e León, representando o 7,8% da produción mineira de España con 260 millóns de euros.

Pola súa banda, as organizacións anfitrioas trasladaron ao presidente da CEG un esbozo do que é a economía comarcal, destacando o papel do sector da lousa e  o crecente auxe do sector vitivinícola, provocado pola  calidade da variedade de uva  godello -autóctona da comarca-, e que está a atraer a implantación en Valdeorras de empresas adegueiras  foráneas. No que respecta a as actividades do sector terciario, resaltaron o potencial turístico, o desenvolvemento  do Enoturismo, o papel do comercio na dinamización das contornas urbanas  e, en definitiva, que “Valdeorras forma parte das dez comarcas con maior Valor Engadido Bruto ( VAB) de Galicia”.

Mentres, a representante de  AEVA debullou as carencias que dificultan o adecuado desenvolvemento dos sectores produtivos, que restan competitividade ás empresas e impiden que a comarca  resulte  atractiva para implantar novas iniciativas  que poidan xerar emprego e riqueza,  que incentiven a demanda de man de obra cualificada,  e que contribúan, como consecuencia, a fixar poboación. Neste sentido referiuse aos deficientes servizos ferroviarios, á escasa oferta de transporte de viaxeiros, á situación da sanidade pública, ao déficit de man de obra cualificada e ao estado das infraestruturas, facendo especial fincapé na Estrada Nacional 120, a Estrada Comarcal 533 A Gudiña-Lalín, o proxecto de Autovía A76,  e a paralización das obras da denominada Circunvalación do Barco.

Sector da lousa

No que respecta ao sector da lousa, o mandatario da organización empresarial galega destacou que concretamente con este mineral xunto co do granito, “a nosa comunidade lidera os mercados nacionais e internacionais de exportacións e facturación”.
E é que “Galicia posiciónase como líder mundial na produción de lousa –coa extracción dun terzo da pedra natural mundial que se emprega en cubertas- e tamén ocupa o primeiro lugar en canto  aproducción de granito en bruto do país, xa que posúe o 58% das explotacións nacionais”, continuou.

Tamén o presidente da Agrupación industrial quixo trasladar a Juan Manuel Vieites as principais preocupacións do sector da lousa, destacando as dificultades para cubrir a demanda de enerxía eléctrica, os obstáculos para desenvolver procesos de restauración de vertedoiros, a necesidade de obter axudas para minimizar os riscos derivados da xeración de po no proceso produtivo, e a organización de accións promocionais.

Sector do viño

Finalmente, Vieites aproveitou así mesmo a visita á comarca ourensá para coñecer a adega A Coroa da Denominación de Orixe Valdeorras, consciente da importancia estratéxica que ten o sector vitivinícola da comunidade galega e destacando “a súa ampla contribución ao rural e ao medio ambiente”.

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.