A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou, en Santiago de Compostela, o "Foro Galego de Seguridade e Saúde Laboral: As Novas Contornas Laborais".
Durante a xornada, o presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites, destacou que "necesitamos estruturas de seguridade e saúde que reflictan os cambios da nosa realidade laboral, xunto á integración dos mesmos na cultura xeral de prevención. Os cambios nas prácticas de traballo, os cambios demográficos, tecnolóxicos e no medio ambiente están a xerar tamén novos retos no ámbito da seguridade e saúde no traballo (SST). Así pois, observamos unha maior prevención para os riscos recoñecidos, tamén constatamos cambios profundos nos nosos lugares de traballo e na maneira en que traballamos".
Detallouse que o desenvolvemento tecnolóxico, e en particular a dixitalización, presenta oportunidades desde a óptica da prevención de riscos laborais (monitorización, formación online, apps para identificación e avaliación de riscos, etc.), pero tamén pode dar lugar a regas novas ou emerxentes derivados do uso da propia tecnoloxía (robotización, intelixencia artificial, etc.), da organización do traballo (teletraballo, traballo a distancia, virtualización, etc.) ou das novas formas de emprego, cunha maior prevalencia de riscos ergonómicos e psicosociais.
Por iso, Vieites afirma que "é imprescindible seguir impulsando a colaboración público-privada para fomentar o proceso de transformación dixital da economía e da sociedade galega en xeral tendo en conta a integración das necesidades de recursos humanos no sistema de formación e emprego, cun maior coñecemento e capacidade de xestión preventiva dos novos riscos".
Durante o foro, falouse dos efectos cada vez máis acusados o cambio climático, que alerta sobre a necesidade de mellorar a protección das persoas fronte a condicións climatolóxicas máis extremas. "Estamos inmersos nun proceso de concienciación do coidado do medioambiente, evolucionando cara a unha economía sustentable e un maior fomento de enerxías renovables e empregos verdes, que supoñen outro dos desafíos das políticas preventivas dos próximos anos".
Así mesmo, abordouse a realidade do envellecemento e alongamento da idade laboral da poboación traballadora. "Será imperativo o deseño de medidas concretas para garantir a saúde e a prolongación da vida laboral, pero tamén incidir no ámbito máis tangencial dos hábitos de vida saudable e a saúde mental".
O presidente da CEG alerta de que no ámbito estatal "hai un importante número de normas no campo das relacións laborais que viron a luz sen consenso e que introduciron unha maior inseguridade e dificultades de aplicación no ámbito dos recursos humanos. A realidade é que se publicaron máis de 26 normas que non tiveron consenso no ámbito do diálogo social estatal e que afectaron ao noso tecido produtivo".
Por iso, reclama a recuperación do diálogo social como "necesario para unha decantación progresiva e cos necesarios consensos da súa aplicación no ámbito das nosas empresas, con maior seguridade xurídica".
Do mesmo xeito, subliña que "é labor de todos os axentes sociais da man da administración, unir esforzos para conseguir adaptar a normativa de prevención de riscos laborais aos actuais escenarios do mercado de traballo e seguir avanzando na promoción da cultura preventiva nas empresas e o fomento de contornas de traballo seguros e saudables, tendo en conta a preponderancia de persoas autónomas e micropemes na nosa comunidade autónoma.
Da capacidade de adaptación ante estes cambios dependerá o mantemento, crecemento e desenvolvemento do noso tecido produtivo e o maior benestar de Galicia".
O evento contou co financiamento da Xunta de Galicia e entre os participantes, ademais do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, estiveron: Borja Milans, autor de "Ser Exemplo. Pequenos grandes líderes", conferenciante internacional, especializado en liderado humanista e desenvolvemento do potencial; José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; Pedro R. Mondelo, director ORP, doutor en Enxeñaría Industrial, doutor en Psicoloxía e profesor titular da Universidade Politécnica de Cataluña; José Manuel Branco, xefe do Servizo de Prevención de Riscos Laborais de Acciona; Pedro Cerrato, xerente de produto do ecosistema de saúde Vitaly; Julián Dorado de la Calle, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña (UDC); Adela Quinzá-Torroja, xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia; Carlos Montes, presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais; Álvaro Silva, doutor en Enxeñaría Ambiental e CEO & fundador de Sustinere.é; Lucía Martín-Gisbert, investigadora da área de Epidemiología e Saúde Pública e responsable de Calidade do Laboratorio de Radón de Galicia (USC); Manuel Pérez, presidente do Consello Económico e Social de Galicia.
RELATORIOS E INTERVENCIÓNS
Durante a súa intervención, Álvaro Silva, doutor en Enxeñaría Ambiental e CEO & fundador de Sustinere.es, propuxo unha ampliación da perspectiva que engrandezca o tradicional enfoque á protección individual e á formación nos riscos directos que leva a exposición á actividade laboral. Neste sentido, fixo fincapé na novo paradigma dunha empresa como axente que impacta a todas as partes interesadas (stakeholders) e non só aos accionistas e traballadores.
"Se non se controla ben, a actividade empresarial pode xerar riscos moi potentes á saúde das persoas e da biodiversidade, por exemplo, as emisións de partículas á atmosfera poden xerar enfermidades respiratorias graves ao conxunto da poboación. Ademais, as emisións ao solo poden xerar graves danos como a aparición de mercurio que, se non se identifican ben, poderían ser inxeridos accidentalmente pola poboación e a biodiversidade, ocasionando alteracións no crecemento das poboacións. Tamén se pode comentar que as emisións de auga contaminada poderá danar e/ou eliminar os ecosistemas das masas de auga natural onde se verte".
Doutra banda, sinalou que "existen riscos indirectos como a emisión de certos químicos, como os CFC, que ocasionaron a apertura da capa de ozono, permitindo que radiación daniña para a pel das persoas pasase a través da atmosfera; afortunadamente este efecto puido ser mitigado. As emisións masivas de CO2 ocasionaron o incremento da temperatura media global, o que incrementou a presenza de ondas de calor e grandes temporais que, subsidiariamente, poden cobrarse vidas ou causar lesións, sobre todo, da poboación máis vulnerable."
Pola súa banda, Julián Dorado de la Calle, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, profundou en cuestións que poden xerar máis controversia, coma se é posible a explicación completa do funcionamento dos sistemas de IA; como se debe abordar, respecto da IA, que sexa xusta; en que pode afectar a IA e aos intereses e á dignidade das persoas; a cuestión de se son tan novas as aplicacións de IA como parece; ademais da que se refire o que se coñece como o inverno da IA.
Pedro Cerrato, xerente de produto do ecosistema de saúde Vitaly, explicou que "o proxecto AITALY ten como obxectivo principal mellorar a seguridade laboral mediante o uso de intelixencia artificial, creando unha contorna de traballo máis seguro e eficiente. Este proxecto promove a innovación preventiva en empresas, facilitando o acceso e a comprensión da normativa de seguridade para todos os traballadores.
Desde un punto de vista tecnolóxico, AITALY supera as limitacións dos modelos de intelixencia artificial xeneral, como as alucinacións e a desactualización da información, mediante a implementación da tecnoloxía RAG (Retrieve-Augmented Generation). Esta tecnoloxía garante que a información proporcionada sexa sempre actualizada, precisa e adaptada a cada consulta específica.
As aplicacións de AITALY están deseñadas para estruturar as consultas de maneira efectiva, utilizando unha introdución, un obxectivo claro e concreción nos detalles. Exemplos prácticos inclúen información sobre a retirada de amianto, a investigación de accidentes laborais e a oferta de cursos específicos sobre axentes químicos.
O desenvolvemento do proxecto realizouse en varias fases de testing, comezando con probas en direccións nacionais, seguido por especialistas en prevención de riscos laborais, técnicos e médicos, e finalmente con clientes gran conta antes da súa implementación completa para todos os clientes. Estes aspectos resaltan os principais beneficios e o enfoque innovador de AITALY na xestión da seguridade laboral".
Lucía Martín-Gisbert, investigadora da área de Epidemiología e Saúde Pública e responsable de Calidade do Laboratorio de Radón de Galicia (USC), advertiu que ?a exposición a radón no lugar de traballo é un risco que hai que ter moi en conta en Galicia, xa que a unha porcentaxe nada desdeñable dos postos de traballo nesta CCAA resultaralles de aplicación a nova regulación nesta materia que entrou en vixencia fai tan só unha semana". Ademais, detallou que é o radón e os riscos que implica para a saúde, que niveis de radón atoparon nunha mostra de 3.800 postos de traballo en Galicia e que implica a nova regulación e como seguila.