Tras coñecer o “II Plan de rescate para persoas traballadoras, microempresas e hostalería” no marco da súa primeira reunión de Diálogo Social como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e na que tamén participaron María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, e os secretarios xerais de UXT e COOO en Galicia, José Antonio Gómez e Ramón Sarmiento, Juan Manuel Vieites ten claro como debe configurarse o mesmo para que sexa efectivo. Neste sentido considera “imprescindible máxima coordinación e esforzo por parte das administracións públicas implicadas: autonómicas, provinciais e locais, que garantan –coa menor carga burocrática posible na súa solicitude- as axudas suficientes a través dunha pronta resolución”. E é que “cada día conta, e supón novos gastos que deben afrontar os empresarios e a perda de empresas, negocios e empregos”, xustifica.
Así, por unha banda, hai que ter en conta que “as partidas orzamentarias previstas neste segundo plan son menores que nas do primeiro, e con elas debemos chegar a todos os traballadores autónomos, micropemes e pemes que o necesiten e non deixar a ningunha empresa atrás. Aínda que é verdade que se mantén a compatibilidade das axudas incorporadas nas tres liñas con calquera outra axuda que poidan outorgar as administracións públicas e iso valorámolo positivamente.
Por outra banda, e aínda que aínda non temos coñecemento do prazo de resolución previsto para esta axudas, “é vital activar canto antes tanto esta resolución como o pago, tendo en conta de que se trata de axudas en concorrencia non competitiva e de que os beneficiarios deben estar ao corrente nas súas obrigacións tributarias”, manifesta Juan Manuel Vieites.
A CEG tamén reclama a previsión no Plan de Rescate de que os autónomos que emprendesen en 2020 poidan acudir igualmente ás axudas, circunstancia que no documento actual non se contempla; así como a redución da obrigación de manter a actividade durante seis meses desde a publicación da axuda para as microempresas. Doutra banda, a patronal galega considera positivo, tal e como recolle o Plan, que as axudas a autónomos e microempresas non dependan do sector ou da actividade, senón da porcentaxe real da caída da facturación.
Igualmente, a organización empresarial expón que “debería considerarse como peche cando exista unha limitación de aforo superior ao 50% en interior”; xa que “determinadas medidas parciais -que en teoría non implican peche total-, na práctica si supoñen a paralización da actividade como devanditos aforos ou a limitación de horarios”.
Finalmente, o presidente da patronal galega considera que #ante esta situación de grave crise provocada pola pandemia, tamén é clave “a previsión e a continuidade”, no sentido de que os colectivos mencionados dispoñan dun sistema que lles permita unha cobertura asistencial seguida no tempo se fose necesaria.