CEG

 

A patronal galega valora positivamente a decisión da Consellería de Sanidade de apostar pola automatización das baixas e as altas laborais polo covid no mesmo acto

Automatización baixas laborais polo COVID

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) valora positivamente a decisión da Consellería de  Sanidade de apostar pola automatización das baixas e as altas no mesmo acto, como xa se está facendo noutras comunidades autónomas como Baleares, Cantabria, Melilla e Navarra, e dada a situación de grave prexuízo que están a sufrir as empresas de Galicia durante esta sexta onda da pandemia por mor do colapso que están a soportar os centros de saúde e os médicos de cabeceira para xestionar o gran volume de casos xerados.

A medida permitirá dar cumprimento á corentena estipulada por Sanidade cun período de incapacidade de sete días, sen prexuízo de que a persoa traballadora acuda ao seu médico de cabeceira en caso de non estar recuperado e ampliar así o período de baixa.

Esta solución contribuirá ademais -segundo a CEG-, e tendo en conta que os recursos son sempre limitados e que deben ser optimizados, a mellorar a atención da poboación que ben polo mencionado virus ou ben por outras patoloxías precise de atención dos servizos de atención primaria.

Lamenta a CEG que non se produciu aínda un cambio normativo por parte do Ministerio de Seguridade Social que habilite expresamente a automatización de altas e baixas simultaneamente, cuestión trasladada insistentemente polos empresarios ao Ministerio e en todo caso valora positivamente o paso diante de Galicia neste sentido, pois as circunstancias actuais apreman.

Do mesmo xeito, a CEG defende unha maior colaboración e aproveitamento dos recursos médicos de Mutuas e Médicos de Empresa para axudar a desconxestionar os centros de atención primaria, tanto para a comunicación de resultados de diagnóstico, cuestión na que xa se está traballando coa Consellería de  Sanidade, como en valorar a posibilidade de que as mutuas colaboradoras da Seguridade Social poidan facerse cargo da emisión dun alta e unha baixa daqueles pacientes positivos pero  asintomáticos que requiren unha corentena de sete días, cuestión para a que si sería necesaria unha modificación normativa a nivel estatal.

Noutra orde de cousas, a Confederación de Empresarios de Galicia tamén considera preocupante como se xeneralizou o  autodiagnóstico a través dos test de  antígenos, á marxe dun diagnóstico e dun seguimento por parte dos profesionais sanitarios, que é ao seu modo de ver o máis indicado. Para ese efecto, é preciso con carácter extraordinario que se habiliten todos os recursos, tanto públicos como privados, para apoiar ao sistema público de saúde nestas funcións.

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.