CEG

 

A patronal galega alerta da preocupante escalada de costes das materias primas no sector agroalimentario

Materias primas no sector agroalimentario

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) alerta da preocupante escalada de custos das materias primas agrícolas para alimentación animal desde o verán do 2020 e que afecta excesivamente o sector agroalimentario.

En concreto, o importe do millo á súa entrada en Porto ascende actualmente a 270 euros por tonelada, un 52,5% máis que hai un ano. Mentres, o trigo custa 267 euros –o que supón un 40% máis que hai un ano-, e a soia está en 415 euros por tonelada, o que supón un 30% máis que hai un ano (aínda que en xaneiro chegou a superar os 500 euros por tonelada).

Estas tres materias primas son as máis utilizadas na composición da dieta de alimentación animal e marcan a tendencia ao resto, pero tamén son alarmantes os encarecementos da cebada, colza ou xirasol. A eles súmase o valor da manteiga, que se sitúa en 1.090 euros por tonelada, un 66% máis que hai un ano.

Motivos da subida

Os principais motivos desta progresiva escalada son unha revisión á baixa das existencias mundiais; unha menor produción da estimada nos países con máis capacidade de exportacións no mundo; e tamén acontecementos climatolóxicos adversos que fixeron minguar os rendementos finais.

Con todo, outra das causas –talvez a máis importante- foi a irrupción dos fondos especulativos de investimento nas bolsas agroalimentarias ante a incerteza económica xeral e a falta de alternativas, que os levou de  cheo a realizar investimentos millonarios, o que foi un factor definitivo para disparar os custos das materias primas. A estratexia dos fondos de investimento está marcada por compras extremadamente grandes de soia, millo e trigo no último ano, elevando os prezos a niveis que non se viron desde o ano 2012.

Outro factor para considerar é a demanda de China, que vai recuperando o ritmo despois do descenso de consumo pola peste porcina africana que se estendeu por todo o país asiático desde hai máis de dous anos - as importacións de  soia e millo así o demostran-, ademais de que están a facer o stock de  seguridade que rebaixaran nos primeiros meses de 2020 pola pandemia.

O detonante final produciuse o pasado 12 de agosto coa emisión do informe de Oferta e Demanda por parte do  USDA (Departamento de Agricultura de Estados Unidos), onde confirma que os rendementos non son os esperados tanto en EE.  UU. como noutros países -e, deste xeito, redúcense as colleitas  de millo, trigo e soia próximas a colleitar-, co consecuente efecto alcista nas bolsas de Chicago e  Matif Francés. A principal causa disto foi unha moi mala colleita de millo en Brasil - pasando de 109 millóns de toneladas ( mill/ tm) estimados a 80  mill/ tm reais-; mentres en Estados Unidos, co millo -que está en pleno desenvolvemento da colleita- tamén se estima unha perda de rendemento de 5  bushels/ acre, que representa unha perda de produción de ao redor de 10-15  mill/ tm. Igualmente contribuíu a  menor produción de trigo en Rusia, pois se estimaba unha produción de 85  mill/ tm no informe de xullo que caeu a 72  mill/ tm no informe de agosto. En Canadá -outro gran país produtor de trigo e exportador-, estimábase unha produción de 31,5  mill/ tm en xullo para pasar en agosto a unha proxección de 24                mill/ tm.

No caso de España –país deficitario en cereais-, esta situación motivou valores moi altos nos portos, coa consecuente reacción dos agricultores nacionais retendo a súa mercadoría e facendo que a oferta non flúa o que cabería esperar tras colleitas de cereais extraordinarias nas dúas últimas campañas.

A todo isto engádese que as existencias globais están en mínimos, do que se deriva o caldo de cultivo perfecto para constatar o importe das materias primas aos niveis actuais, unha situación que previsiblemente se manterá por un longo período de tempo.

Enerxía e outras subministracións

Ademais, á escalada das materias primas súmanse outras rexistradas nos últimos meses, en particular a subida da electricidade, co custo do megawatt/hora batendo cada día o seu  record histórico e que actualmente cuadriplica ao rexistrado hai un ano. Con todo, tamén os combustibles e outras subministracións (como plástico, ferro, cobre ou aluminio) disparáronse nos últimos meses, o que xerou un incremento de custos moi importante  a nivel de produción. Do mesmo xeito que no caso das materias primas, as previsións apuntan a que esta tendencia alcista proseguirá nos próximos meses.

Situación insostible

Para o agrogandeiro, estes continuos incrementos de custos agravan aínda máis a situación dun sector afectado polos baixos rendementos que perciben polos produtos agroalimentarios, xa que a carne –do mesmo xeito que o leite-, ten unha escasa marxe sobre o custo de produción. Co encarecemento das materias primas e a enerxía, esta situación agravouse converténdose en insostible, o que coloca aos produtores na corda frouxa e conleva a que, se non se repercute esta subida, moitos deles veranse abocados ao peche.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.