CEG

 

A organización empresarial galega reivindica a colaboración público-privada como chave para conseguir a igualdade real

Congreso Talento Empresarial en Feminino
Congreso Talento Empresarial en Feminino
Congreso Talento Empresarial en Feminino

“Empresas e administracións debemos unir esforzos e sumar recursos para seguir avanzando na igualdade de oportunidades, pechando a brecha salarial e mellorando o acceso, as condicións e a promoción da muller na empresa”. Así reivindicou esta mañá Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a colaboración público-privada como clave para conseguir a igualdade real no marco do Congreso Emprendedoras CEG “Talento empresarial en feminino”, un Foro de proxección nacional e internacional organizado pola patronal galega, patrocinado pola Consellería de  Emprego e  Igualdade da Xunta de Galicia e en colaboración de Abanca. 

“E é que en pleno proceso de recuperación tras o Covid-19, a presenza e o liderado femininos son máis necesarios que nunca para conseguir afrontar con éxito os novos retos económicos que se nos presentan”, expuxo Vieites. 

Pola súa banda, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, avogou, durante a súa intervención no acto de apertura do Congreso, por “non deixar fóra a un 52% da sociedade” considerando que “soamente podemos avanzar se xuntamos tecnoloxía, emprendemento e incorporación masiva da muller ao mundo laboral.”

Sáea  Saastamoinen, directora xeral de Xustiza da Unión Europea, reflexionou, no marco do seu discurso na inauguración do Foro, sobre a necesidade do total apoio da administración europea á muller empresaria non só por cuestións de igualdade, senón tamén nun sentido económico.

Así mesmo, Yolanda Díaz, vicepresidenta e ministra de Traballo e Economía Social, declarou no seu relatorio “O traballo das mulleres e os novos retos das empresas”, que “a igualdade é a única forma de consolidar unha recuperación real e inclusiva e de conseguir unha economía de calidade. “Neste sentido, integramos a perspectiva de xénero durante a pandemia nas decisións tomadas polo Goberno central”, expuxo.

Finalmente, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, quen pechou o acto de apertura do Congreso, coincidiu co presidente da organización empresarial galega en que “é imprescindible a colaboración público-privada para a incorporación plena da muller ao mercado laboral, unha realidade que  debemos acelerar aproveitando as circunstancias nas que nos colocou a pandemia”. 

Desenvolvemento do Foro

O Congreso contou ademais coa intervención de executivas e directivas de empresas de primeiro nivel; con empresarias de vangarda de diferentes sectores; e con máximas responsables de organizacións empresariais as cales, a través dos seus relatorios, visualizaron a conxuntura actual das empresarias, puxeron de manifesto as súas dificultades, favoreceron o emprendemento e promoveron o asociacionismo.

Finalmente, clausurou o Congreso a conselleira de  Emprego e  Igualdade, María Jesús Lorenzana, para quen conseguir a igualdade non soamente é cuestión de xustiza, senón tamén de produtividade. “É tarefa da administración e dos axentes económicos e sociais cambiar as perspectivas e educar á sociedade neste sentido”, manifestou.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.