CEG

 

A organización empresarial galega destaca a igualdade como un valor competitivo das empresas

8 de marzo

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera a igualdade como un valor competitivo para as empresas e responsabilidade de todos, xa que se trata dun dereito e un deber de toda a sociedade. A organización empresarial galega súmase á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, propugnando que é esencial garantir a igualdade laboral entre mulleres e homes e fomentar un maior grao de corresponsabilidade neste ámbito.

Segundo a CEG, aquelas empresas que teñen o principio de igualdade como un dos eixos prioritarios dentro da súa cultura empresarial garanten que mulleres e homes conten coas mesmas oportunidades en todos os fitos do proceso de acceso e participación na compañía, dando así cumprimento ao Obxectivo 5 de Desenvolvemento Sostible.

Desta forma, é preciso poñer en valor a negociación colectiva e do Diálogo Social para continuar mellorando cara a esa igualdade efectiva. Baixo esta premisa e no marco deste instrumento séguese avanzando para alcanzar a implantación da igualdade laboral real nas empresas, traballando xuntos contra a brecha de xénero e a favor da conciliación e a corresponsabilidade. 

Igualmente, a CEG -en colaboración coas demais confederacións de empresarios provinciais-, continuará ofrecendo ás empresas unha serie de servizos en materia de igualdade laboral e de oportunidades  e contra a brecha salarial, a través da  creación de Gabinetes técnicos en materia de Igualdade Laboral, que tratan de apoiar ás firmas no compromiso a favor da integración do principio de igualdade, como un factor estratéxico da xestión e da competitividade no mercado.

Ademais, a Confederación de Empresarios de Galicia quere trasladar o seu apoio a todas as mulleres galegas que  decidan poñer en marcha unha idea e converterse en emprendedoras, debido a que son unha peza fundamental na consecución de obxectivos nunha empresa. Desde a organización empresarial galega sempre daremos visibilidade ao seu traballo e apoiaremos o seu papel no tecido empresarial galego.

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.