CEG

 

A Confederación de Empresarios de Galicia pon en marcha servizos de apoio en materia de Igualdade Laboral

Gabinete de Igualdade Laboral

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), coa idea de apoiar ás empresas na implantación e execución de medidas en materia de igualdade, puxo en marcha unha serie de actividades -a través da creación de Gabinetes técnicos en materia de Igualdade Laboral-, que tratan de apoiar ás empresas no compromiso a favor da integración do principio de igualdade, como un factor estratéxico da xestión e da competitividade no mercado, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Consellería de Economía,  Emprego e Industria no mes de novembro do pasado exercicio, e dentro do marco do proceso de Diálogo Social.

O acordo, grazas ao cal puideron poñerse en marcha Gabinetes técnicos en materia de igualdade, permítelle á CEG, en colaboración coas demais confederacións de empresarios provinciais, ofrecer ás empresas unha serie de servizos en materia de igualdade laboral e de oportunidades  e contra a brecha salarial.

Concretamente o persoal destes Gabinetes responsabilizarase de:
-Apoiar tecnicamente e asesorar ás empresas no fomento da igualdade laboral en ámbitos como: contidos de negociación colectiva e introdución da perspectiva de xénero, proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, promoción profesional, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral,  infrarrepresentación feminina, retribucións, prevención do acoso moral, sexual, etc.
-Apoiar ás empresas na definición e desenvolvemento dos seus plans de igualdade, así como a súa avaliación e seguimento e
-Formación para responsables da negociación colectiva en materia de igualdade e plans de igualdade.
Igualmente o persoal técnico levará a cabo un traballo de diagnóstico permanente, desde o punto de vista da igualdade e da brecha salarial, a través de diferentes actuacións:
-Análise sectorial dos Plans de Igualdade que formen parte dun convenio colectivo.
-Elaboración de informes sectoriais sobre situacións relativas a sectores  feminizados,  masculinizados, e sobre sectores con mellores  condicións de traballo e salario.
-Identificación de boas prácticas en Plans de Igualdade Laboral de empresas galegas.
-Impulsar programas de información, sensibilización e formación dirixidos ás persoas negociadoras de convenios colectivos.
-Propostas para a elaboración dunha ferramenta dixital autonómica sobre brecha salarial e
-Xornadas, talleres, seminarios e demais actividades formativas, informativas e divulgativas.
Ao servizo pode acceder calquera empresa que teña algunha dúbida sobre os temas mencionados.

Día 8 de marzo

Con motivo da próxima conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a CEG propugna que é esencial garantir a igualdade salarial entre homes e mulleres e fomentar un maior grao de corresponsabilidade entre as persoas traballadoras.

Así, a patronal galega pon de manifesto a súa implicación no avance cara á igualdade entre mulleres e homes, porque considera que a igualdade é un dereito das mulleres e un deber da sociedade.

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.