A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) defende a implantación da eólica en Galicia polo seu enorme potencial e como motor da transición enerxética, pero a condición de que o seu desenvolvemento leve a cabo de forma planificada, atendendo ás normativas autonómicas, estatais e europeas sobre conservación da natureza e protección da biodiversidade, e causando o mínimo impacto nos ecosistemas mariños e na actividade pesqueira.
E é que Galicia ocupa a primeira posición da España eólica por contribución ao PIB –con 316 millóns de euros, emprego –con máis de 3.500 ocupados directos, que sumados aos indirectos, chega á cifra de 7.500, e capacidade industrial –posúe 29 centros industriais de relevancia; datos lanzados polo Estudo Macroeconómico 2020 desta enerxía renovable presentado pola Asociación Empresarial Eólica a finais do ano pasado.
Segundo a organización empresarial galega, a enerxía eólica eríxese na comunidade autónoma como peza crave para a recuperación económica, como fonte de xeración de emprego de calidade e de desenvolvemento tecnolóxico e ofrece continuidade á implantación de industria asociada ao sector enerxético. E é que como parte do plan de descarbonización en España, o Goberno ten previsto aumentar a potencia instalada do sector eléctrico en 157.000 MW ata 2030 –dos cales 50.000 MW corresponderanse con enerxía eólica- e segundo recolle o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, polo que é importante que o desenvolvemento eólico cumpra con estes obxectivos, pero que tamén sirva para dinamizar a industria.
Xa concretamente na eólica mariña, a CEG lembra que Galicia é unha potencia en canto a recursos e desde o punto de vista industrial, e que a comunidade debería aproveitar este potencial para desenvolver proxectos de tecnoloxía offshore tendo en conta que o Goberno prevé alcanzar os 3.000 MW neste tipo de alternativa renovable para 2030.