CEG

 

A CEG traslada aos partidos as súas propostas empresariais diante das eleccións xerais

A CEG traslada aos partidos as súas propostas empresariais diante das eleccións xerais

La Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) traslada aos partidos políticos con representación en Galicia as súas propostas empresariais diante das eleccións xerais. Con este documento, poñen en valor o papel das empresas galegas, que, como sempre recalca o seu presidente, "son a solución e non o problema e constitúen a principal garantía do crecemento económico de Galicia e, polo tanto, de España".

Os empresarios abordan temas xurídicos, política industrial, enerxía, infraestruturas, sector pesqueiro, sector público, fiscalidade, fondos europeos, Seguridade Social, Formación Profesional... achegando as súas ideas e necesidades, de cara á conformación do Goberno que afrontará a seguinte lexislatura.

En resumo, destacan a necesidade da mellora da regulación, a través da simplificación normativa. "É necesario volver a un sistema de elaboración de normas sosegado, racional e cunha participación adecuada dos sectores afectados; avanzar na redución das cargas administrativas e evitar que a nova lexislación engada máis cargas que contrarresten outros efectos beneficiosos. É imprescindible avaliar o impacto económico de cada nova disposición, tanto para o ámbito público como para o privado".

Como medida esencial considérase que as cotizacións sociais deberían atender exclusivamente a prestacións contributivas, imputando o custo das demais prestacións aos Orzamentos Xerais do Estado. "Deberíase traballar en reducir as cotizacións empresariais á Seguridade Social por traballador e promover un menor custo laboral, maior competitividade e maior capacidade de contratación". Piden incentivos fiscais ao investimento para a creación de emprego e o emprendimiento e a eliminación do Imposto sobre o Patrimonio. Ademais, solicitan evitar a creación de novos impostos. 

Dende a CEG reivindican a negociación colectiva. "É importante manter a vixencia dos acordos alcanzados e vixentes neste momento, como garantía de paz social e como marco estable e de seguridade xurídica para os operadores".

Entre algunhas das cuestións específicas para Galicia, advirten que se necesita unha aposta firme pola cohesión e vertebración territorial do noroeste da Península Ibérica, xa que -aseguran- "atópase nunha situación de partida desfavorable respecto doutros territorios da UE, o cal penaliza a competitividade das nosas empresas no mercado único europeo e no mercado mundial".

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, subliña que "é inaprazable o pleno despregamento do Corredor Atlántico de mercadorías para contribuír á cohesión territorial do noroeste co resto de España e coa UE. É imprescindible apostar pola intermodalidade e concluír a interconexión dos principais portos de Galicia co ferrocarril de mercadorías. Por tanto, Galicia debe incorporar tanto a conexión por Vigo-Ourense Monforte, como a da Coruña-Lugo Monforte". 

Enumeran que hai que incorporar o noroeste no mapa de autoestradas ferroviarias, deseñadas polo Goberno de España, en relación coa Alta Velocidade, pechar definitivamente a conexión das principais cidades de Galicia coa meseta e conseguir por fin a conexión en tempos razoables: é dicir, na contorna das 3 horas. 

"É imprescindible que España aposte pola conexión férrea con Portugal desde Galicia, conseguindo a vertebración por alta velocidade do Eixo Galicia - Porto. E é preciso apostar pola especialización e coordinación dos aeroportos de Galicia, facilitando unha conexión aérea á comunidade autónoma en termos competitivos non só co resto de España, senón para saír a Europa e ao resto do mundo".

No ámbito da enerxía explican que é prioritaria para Galicia unha modificación da planificación eléctrica 2021-2026 que teña en conta os proxectos estratéxicos en desenvolvemento e un sistema de infraestruturas eléctricas que o soporte. En canto á eólica mariña, "estamos diante dunha tecnoloxía incipiente que precisará de mecanismos de apoio que lle permitan despegar e aproveitar todo o seu potencial e do establecemento dun marco regulatorio actualizado, estable e que garanta a compatibilidade das diferentes actividades económicas e o cumprimento dos obxectivos de descarbonización. É necesario abordar o deseño do mercado eléctrico do futuro coa colaboración das empresas do sector". 

Detallan que a reforma do mercado debe permitir a convivencia das diferentes formas de operar nel e a liberdade de elección por parte dos investidores, incentivar os investimentos en renovables "e non penalizar ningún vector enerxético, porque todos son necesarios para o avance da transición enerxética. O mercado da electricidade debe garantir a seguridade da subministración, apostar polo comercio transfronteirizo de enerxía, limitar o impacto dos altos prezos do gas nos consumidores e incentivar o investimento en fontes renovables".

Doutra banda, lembran que a conexión de Galicia á rede do hidróxeno é prioritaria. Neste sentido, instan á colaboración entre as diferentes administracións con competencias en materia enerxética e a axilización nas tramitacións de proxectos, "dúas importantes cuestións que se fan imprescindibles para protexer e atraer investimentos, evitar a obsolescencia das tecnoloxías e favorecer a mellora competitiva con respecto a outros países".

É necesario revisar mecanismos de colaboración público-privada como clave para a execución dos distintos proxectos e achegalos máis ás necesidades dos territorios e desenvolver mecanismos que permitan optimizar a articulación dos PERTE estratéxicos e de enorme impacto sobre as empresas como o PERTE de descarbonización industrial. 

En canto ao sector pesqueiro, "é vital a defensa dos nosos intereses ante a Unión Europea, na que ultimamente se adoptaron propostas e decisións que supoñen grandes prexuízos para as nosas empresas". Reducir o IVE dos produtos pesqueiros e os seus derivados e apostar pola dieta atlántica e a marca Galicia e a súa promoción. Modificar a Lei de Costas. Pedir prórroga da moratoria no pago do imposto ao plástico dun só uso. E debater a posibilidade de financiar a renovación da frota na próxima reforma do PPC. 

Falan dun plan de restructuración de axuste da frota e de flexibilizar o concepto de capacidade pesqueira, enfocada a máis tonelaxe e a mellorar a habitabilidade a bordo. Promover a substitución xeracional, con proxectos de formación e ampliando o número de países con Acordos de Recoñecemento de Títulos Pesqueiros.

Realizar un proxecto de transición enerxética da frota que analice en profundidade as posibilidades reais do uso de combustibles e fontes de enerxía neutros en carbono nos buques pesqueiros. E pór a disposición o financiamento necesario para acometer a transición enerxética dos buques e a súa adaptación ao uso de novas fontes de enerxía. É clave contar cun PERTE específico que poida apoiar a transformación e modernización do sector.

Por outra banda, fan un inciso específico sobre o absentismo laboral. "Reducir a duración media e prevalencia dos procesos de IT nas nosas empresas é imprescindible non só para a mellora da súa produtividade e competitividade, senón tamén para a sustentabilidade do sistema de Seguridade Social. É vital aliviar as contas da Seguridade Social, permitindo igualmente minimizar os custos derivados para as empresas e para o sistema, sen menoscabo dos dereitos dos traballadores". Lembran que o gasto en continxencias comúns podería ser minimizado e controlado se as Mutuas puidesen incrementar a súa capacidade de actuación no ámbito da xestión das mesmas.

Sobre a contratación pública, insisten en que é de vital importancia eliminar a imposibilidade de realizar unha revisión de prezos, como se demostrou nos últimos anos. "O prezo dos contratos debe ser suficiente e permitir que, en condicións como as que pasamos, se poida revisar".

Apostan por un modelo que reduza e simplifique o sistema fiscal, tanto en número de tributos como en presión, tanto a cidadáns como empresas. "Precisamos dunha baixada para todos, xeneralizada: É preciso eliminar impostos que afectan directamente á continuidade de moitas empresas, especialmente ás empresas familiares, como son o Imposto de Patrimonio ou o de Sucesións e Doazóns".

Vieites volve insistir en que "os empresarios son a fonte primordial de xeración de riqueza e emprego, por iso non debemos descoidar a adopción de medidas necesarias para fomentar o emprendimiento. É necesario promover instrumentos de financiamento e garantías adecuadas para proxectos viables; medidas que favorezan a sucesión de empresas, permitindo a cotitularidad durante períodos de transición; axilidade e simplificación da tramitación administrativa necesaria para pór en marcha un negocio: coordinación entre administracións, procedementos sinxelos e resolución áxil; e formación adecuada e adaptada aos que queren emprender".

Aproveitando a presidencia española da UE, instan a traballar no ámbito comunitario en respostas adecuadas á falta de man de obra; á capacitación das persoas en idade de traballar; ao recoñecemento de títulos a cidadáns extracomunitarios; eliminar os permisos e licenzas que supoñen unha traba á libre circulación e avanzar na configuración que permita unha libre circulación efectiva de produtos e servizos dixitais. 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.