“No contexto actual, apostar por unha política expansiva é un erro. Debemos facelo por unha redución da presión tributaria na configuración dun marco atractivo para o investimento empresarial e para a seguridade xurídica dos operadores”. Así llo trasladou esta mañá o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nun encontro para coñecer as liñas mestras dos Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia para 2023, un proxecto que a organización empresarial galega valora positivamente, xa que o incremento do investimento previsto en máis dun 8,5% para a seguinte anualidade promoverá a creación de emprego e a dinamización da economía, e as rebaixas fiscais contempladas redundarán nunha maior dispoñibilidade de fondos tanto para familias como para empresas, axudando a manter a actividade económica a pesar das dificultades derivadas da situación internacional.
“A confianza empresarial e dos cidadáns –expuxo Vieites- xogará un papel crave para promover o investimento produtivo e para incrementar a demanda interna”.
Recursos da Unión Europea
Durante o encontro, Vieites o presidente da CEG trasladoulle a Corgos a idoneidade de mellorar a xestión dos recursos que proceden da Unión Europea –tanto os Next Generation como os Estruturais-, cara a resultados que transformen o modelo produtivo.
Contratación pública
Ademais, é necesario ter en conta os prezos das materias primas e da enerxía, así como os custos laborais das empresas á hora de prever e planificar o gasto das administracións e que se canaliza vía contratación pública. “O proceso inflacionista no que estamos inmersos e que se traslada aos prezos ao longo das cadeas de valor debe ser tido en conta”, expúxolle finalmente Juan Vieites ao conselleiro de Facenda e Administración Pública.