CEG

 

A CEG reclama para Galicia un marco fiscal claro, transparente e competitivo

Fiscalidade

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reclama un marco fiscal claro, transparente e competitivo que por unha banda ofreza ás empresas a seguridade xurídica que estas necesitan, evitando situacións que poñan en risco a viabilidade e mesmo a supervivencia das mesmas; e por outro que garanta non só a estabilidade e desenvolvemento de plans a longo prazo das compañías galegas e que evite a deslocalización cara a rexións ou países cunha fiscalidade máis beneficiosa, senón tamén atraendo investidores e emprendedores que identifiquen á comunidade autónoma como un lugar no que poidan poñer en marcha os seus proxectos coa maior rapidez e cun réxime fiscal atractivo tanto para a empresa como para os seus promotores e tamén os seus traballadores.

Simplificación e harmonización

Ademais, a patronal galega considera necesario apostar por un sistema fiscal moito máis simplificado e harmonizado a nivel nacional a fin de salvagardar a libre competencia e a unidade de mercado, modificando e mesmo eliminando do sistema tributario español algún dos impostos que afectan directamente á continuidade de moitas empresas, como son o Imposto de Sucesións e Doazóns ou o Imposto sobre o Patrimonio.

Así, no que se refire ao primeiro dos tributos, os incentivos fiscais á transmisión na empresa familiar (que supoñen máis do 90% do noso tecido empresarial) no Imposto de Sucesións e Doazóns requiren despexar canto antes a súa correcta interpretación e aplicación, tanto en relación cos requisitos que dan dereito ao devandito incentivo como respecto a a cuantificación dos mesmos.

Neste sentido é necesario dotar de seguridade xurídica á empresa e permitir o pleno aproveitamento da bonificación contemplada pola normativa actual que en moitos casos constitúe unha condición imprescindible para a súa supervivencia e reducir así a elevada conflitividade existente que deu lugar nos últimos tempos a un inxente traballo por parte do Tribunal Económico Administrativo de Galicia que estimou 8 de cada 10 recursos expostos polo contribuínte.

Polo que respecta ao Imposto de Patrimonio, España é o único país da Unión Europea que o mantén como tal,  desincentivando, na súa configuración actual, o investimento en empresas produtivas e podendo esixir ao contribuínte máis do que o propio patrimonio é capaz de xerar. Así as cousas, a Confederación de Empresarios de Galicia considera necesario reformularse o modelo a nivel estatal e desde logo e con independencia diso, Galicia debe seguir o exemplo doutras comunidades como Madrid, onde a cota conta xa cunha bonificación do 100%.

Fiscalidade 2021

Por último, a organización empresarial galega manifesta o seu desacordo coa “solución” que adoptaron as distintas administracións para reverter a situación do importante incremento da débeda pública derivado do intento de minorar os efectos da crise provocada pola Covid-19 como son as modificacións impositivas que acompañaron aos Orzamentos Xerais para 2021 e que implican unha subida considerable da presión fiscal que se exercerá sobre os contribuíntes en xeral e sobre as empresas en particular e que non axudará a dinamizar a economía.
Neste momento e dada a actual conxuntura, consideramos moito máis efectivo reducir a presión fiscal como fixeron países da nosa contorna, facilitando a rexeneración da actividade económica e preservando así a capacidade de recuperación e investimento das compañías.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.