"Tendo en conta a situación actual, inmersos na terceira onda da pandemia propiciada polo COVID-19, é necesario adoptar as medidas necesarias en materia fiscal, económica e laboral para garantir a supervivencia do maior número de empresas posible”. Así llo manifestou esta mañá o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no marco da primeira reunión institucional que manteñen ambos os desde que o primeiro fose elixido presidente da patronal galega o pasado día 21 de xaneiro, á vez que lle entregou un documento co Plan de recuperación económica da CEG para Galicia.
Reindustrialización, áreas afectadas por peches de centrais térmicas, atracción de investimentos
Uno dos asuntos craves que inclúe o plan é a aposta pola reindustrialización da comunidade autónoma xa que é necesaria unha planificación estratéxica que aborde o desenvolvemento industrial, os retos da descarbonización, a dixitalización, o envellecemento activo e o incremento da produtividade que achegue o peso da industria no PIB á contorna do 20%.
As áreas afectadas polo peche das centrais térmicas necesitan do deseño e posta en marcha no menor tempo posible de plans de reconversión, favorecendo a súa viabilidade e alcanzando o reto de crear emprego “verde”.
Igualmente Galicia debe ofrecer condicións idóneas para a atracción de investimentos produtivos e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e industriais. Nesta liña, hai que traballar a favor da axilización dos procesos de licenza e autorización da actividade, máximo compromiso na defensa das tarifas eléctricas competitivas a nivel Estatal e Europeo, en reducir a presión fiscal e na posta ao dispor de chan industrial.
Iniciativa privada, dixitalización e avances tecnolóxicos
Doutra banda, a iniciativa privada debe gañar peso como receptora do financiamento da Unión Europea e incorporarse en maior medida aos esquemas da colaboración público-privada.
Igualmente, tanto o investimento das empresas como a formación do persoal deben ser obxecto de apoio económico e financeiro por parte da Administración, como pancas de cambio cara a unha nova revolución industrial. Nesta liña non debemos esquecernos da aposta concreta e decidida pola dixitalización no medio rural, garantindo o acceso á telefonía e internet de alta velocidade en toda Galicia.
Formación
Na situación actual e nos próximos anos, a formación como ferramenta fundamental do cambio requirirá un importante compromiso por parte da Xunta de Galicia, tanto en formación ocupacional como en políticas activas de emprego.
Así a formación en competencias dixitais e a utilización da formación a través de aulas virtuais serán imprescindibles no desenvolvemento das futuras accións formativas. Igualmente será preciso articular as accións de formación de maneira que permitan o desenvolvemento das accións ao longo de todo o ano.
As empresas de Galicia no mundo
Galicia debe participar activamente na defensa dos seus intereses non só a niel estatal, senón tamén a nivel da Unión Europea a través das canles establecidas, ben de forma directa, #ante as institucións comunitarias, ben de forma indirecta, a través dos mecanismos de cooperación do Estado. Neste sentido, a CEG propón unha maior cooperación das organizacións empresariais cos diferentes departamentos da administración galega no seguimento das políticas comunitarias a través das Conferencias Sectoriais correspondentes e directamente #ante as institucións da UE cando sexa posible.
BREXIT
Polo que respecta ao Brexit, a patronal galega solicita un seguimento constante e próximo das negociacións, polo cal se lles consulte e teña en conta a opinión e a participación das empresas de cada sector; ademais dun plan de apoio específico para a pesca e os demais sectores afectados polo Brexit en Galicia.
Internacionalización
No relativo á internacionalización das empresas de Galicia, a CEG reclama reforzar os mecanismos, sistemas e servizos de apoio ás empresas para mellorar a súa capacidade exportadora e de chegada a novos mercados. Trátase de apoios destinados principalmente ás pemes que permitan iniciar exportacións e abrir novos mercados a aquelas empresas que non teñan experiencia neste campo así como apoiar a consolidación nos mercados exteriores das compañías xa internacionalizadas.
Fondos da UE
A Unión Europea aprobou o maior volume de fondos da súa historia ao dispor dos Estados membros. Así, é vital a participación dos destinatarios finais dos recursos para que a súa aplicación responda as necesidades reais dos mesmos. Neste sentido, a Confederación de Empresarios de Galicia ponse a disposición para participar e achegar as necesidades que as empresas transmitan, tanto en relación cos Fondos destinados a nivel estatal como para os que sexan a nivel autonómico. Ademais diso, a patronal galega está en disposición de contribuír á identificación e definición de proxectos financiables con fondos da UE. Para tal fin propón a creación dunha oficina conxunta de identificación de proxectos empresariais Xunta-CEG, da que formen tamén parte as confederacións provinciais.
Infraestruturas de transporte
Noutra orde de cousas, Galicia debe apostar e conseguir un plan no que se integren as infraestruturas de transporte pendentes, como elemento crave de competitividade da comunidade autónoma.
I+D+i
A CEG tamén considera imprescindible promover un maior nivel de investimento tanto público como privada en I+D+i como base dun desenvolvemento sólido do noso tecido empresarial. Así o apoio da transferencia tecnolóxica á empresa e o nacemento de novas compañías e proxectos de empresas de base tecnolóxica deberán ser unha obxectivo clave, aproveitando os recursos que a UE pon e poñerá á nosa disposición nos próximos anos.
Fiscalidade
Finalmente, no ámbito autonómico, dadas as diferenzas entre territorios, a patronal galega aposta por un modelo que reduza e simplifique a fiscalidade, tanto en número de tributos como en presión, e tanto a cidadáns como a empresas. Isto permitirá unha maior marxe para o investimento e o consumo que a medio prazo xerará maior riqueza e por tanto un incremento na recadación. Ademais, debemos apostar pola eliminación de medidas fiscais que disuadan a particulares e compañías de realizar investimentos produtivos en Galicia.