A Confederación de Empresarios de Galicia afirma que o actual proceso de oferta pública de adquisición (OPA) hostil sobre o Banco Sabadell, e a súa marca en Galicia Sabadell Galego, "non é adecuado, nin na forma nin no fondo".
Din que "supón un motivo de profunda preocupación, pola afectación que poida ter de maneira moi especial para as pemes, micro pemes e autónomos, que representan a base da economía galega. A diminución de entidades financeiras, suporá reducir as fontes de financiamento para o sector empresarial da nosa comunidade autónoma".
Desde a CEG consideran máis favorable para o tecido empresarial de Galicia que o Banco Sabadell e o BBVA continúen realizando os seus labores por separado.
O presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites, estima que "desde o pleno respecto á liberdade de empresa, a fusión suporía, con toda probabilidade, menos acceso ao crédito das pemes e empresas e menor posibilidade de diversificar a súa pool bancario".
Neste sentido, a CEG destaca que o Banco Sabadell ten gran implantación en Galicia, con numerosas oficinas repartidas en practicamente todos os concellos e que prestan servizos, ademais da particulares, ás pemes alí asentadas.
Por outra banda, agregan que, nos últimos anos, "perdéronse xa máis dun 30% de oficinas bancarias en Galicia, nunha comunidade autónoma cunha ampla maioría de autónomos e microempresas, e cunha poboación envellecida, aos que unha fusión lles suporía unha nova redución de oficinas e de persoal".
Explican que ambas as entidades, BBVA e Sabadell, "desenvolven un labor imprescindible e diferenciado en Galicia, cada unha coas súas prioridades e orientacións que dan saída ás necesidades tamén diversas das nosas empresas".
Vieites afirma que "por iso o noso desexo é manter os servizos de ambas as entidades de modo diferenciado para as nosas empresas e entidades. Sería unha gran perda a desaparición da actividade despregada por Sabadell Galego en Galicia como tal".