A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) afirma que a decisión do Tribunal Constitucional (TC), que validou unanimemente a Lei do Litoral de Galicia, rexeitando o recurso presentado polo Goberno central, "marca un cambio respecto da suspensión parcial previa da lexislación. Esta decisión fortalece a autonomía de Galicia na xestión costeira, indicando un equilibrio entre poderes estatais e rexionais".
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, afirma que "é importante para a seguridade xurídica e para que Galicia poida xestionarse como xa fan outras comunidades autónomas con estatutos de autonomía idénticos ou moi parecidos".
Dende a CEG e dende a súa Comisión Mar-Industria viñan reclamando hai tempo "unha solución de consenso e entendemento entre o Goberno e a Xunta de Galicia. É moi necesaria unha regulación propia, sen prexuízo de revisar e actualizar a normativa estatal, que equilibre a protección da natureza coa actividade empresarial e industrial que se desenvolve no litoral, que debe ser preservada e reforzada, sempre en termos de sustentabilidade. É necesario un marco que de seguridade xurídica e protección aos establecementos xa existentes e aos de nova creación".
Sobre a paralización das concesións no litoral e dos sistemas de depuración de augas afirman que "poñía en risco a viabilidade de numerosas edificacións e empresas que operan na costa, e prexudicaba directamente a millón e medio de galegas e galegos que viven na nosa costa".
Argumentan que é importante lembrar que a LOXILGA púxose en marcha para pór fin a situacións incomprensibles que xeraban inseguridade xurídica ás empresas. "É unha lei que persegue a xestión sustentable, no ambiental e no socioeconómico, da costa galega, promulgada dende onde mellor se coñece: Galicia".
Vieites sinala que "os regulamentos e regulacións deben amparar ás empresas xa preexistentes antes da entrada en vigor da Lei 2/2013 e favorecer tamén a implantación de novas compañías da cadea mar industria alimentaria no dominio público marítimo terrestre".
A publicación do novo Regulamento Xeral de Costas en agosto do 2022 "supuxo un incremento do grao de preocupación das empresas que necesariamente deben desenvolver a súa actividade na ribeira do mar, ao ver seriamente comprometida a súa continuidade no dominio público marítimo-terrestre e constatar como o novo Regulamento de Costas incrementa aínda máis os niveis de inseguridade xurídica á que se vían sometidas coa lexislación anterior, agora modificada".
Lembra que hai instalacións que para desenvolverse en condicións aceptables de rendibilidade deben situarse na franxa costeira. O traslado destas actividades a localizacións fóra da liña de costa derivaría en moitos casos na súa inviabilidade e en consecuencia, abocaría a empresas á súa desaparición; ademais de pór de manifesto que o beneficio ambiental que se pretende por unha banda poderíase perder por outro se se obriga ao traslado de produtos do mar por estrada.
Pensan que "o obxectivo do Ministerio de Transición Ecolóxica é o da "renaturalización" de toda a costa española tendo en conta "exclusivamente os aspectos ambientais e obviando os sociais, económicos e culturais, así como os custos socioeconómicos que tal estratexia levaría".
"Non podemos obviar as singularidades da costa galega, que ocupa 1.700 quilómetros, a súa importancia para o sector industrial e en definitiva para o conxunto da economía de Galicia. Sempre instamos o Goberno a que se estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores afectados, para que a regulación poña en equilibrio a protección e conservación do medio natural galego e o desenvolvemento socioeconómico da comunidade autónoma e por tanto dos seus sectores produtivos, especialmente ante calquera iniciativa ou reforma lexislativa ou regulamentaria, como a do regulamento da Lei de Costas", subliña Vieites.
O empresariado galego considera ambos os obxectivos viables e compatibles, e o diálogo con todas as partes implicadas como o medio para alcanzar un marco que preserve o interese xeral de Galicia no que se integran.
Desde a Comisión Mar-Industria advirten que "non se poden adoptar decisións que condicionen a supervivencia das empresas ou xeren incerteza nun momento económico como o actual, promovendo o peche ou a deslocalización das empresas. Os empresarios de Galicia e en particular os deste sector foron pioneiros en adoptar medidas e estratexias en favor da sustentabilidade e da preservación do medio no que desenvolven as súas actividades".
Así é que a Confederación de Empresarios de Galicia entenden que as liñas de actuación deberían dirixirse á modernización, consolidación e fortalecemento do sector, aproveitando os recursos que durante os próximos anos porá a disposición a Unión Europea -minimizando cos investimentos o impacto sobre o medio e optimizando a rendibilidade económica e social-, en forma de creación de emprego e dinamización daquelas comarcas de Galicia cunha forte dependencia da industria establecida no seu litoral.