A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recoñece unha sensación agridoce ante os datos do cuarto trimestre de 2020 da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundida hoxe polo Instituto Nacional de Estatística(INE), xa que por unha banda celebra a redución do paro na comunidade autónoma nun -2,16%, pero por outro lamenta a destrución de 15.000 empregos durante o pasado ano por mor da pandemia e mostra a súa preocupación máxime tendo en conta ademais que os afectados por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego ( ERTE) non contan como parados, senón como ocupados, e poden chegar a engrosar a lista de futuros desempregados.
Neste sentido é necesario solucionar canto antes os problemas na subministración de vacinas contra a COVID-19 para poder continuar coa campaña de vacinación prevista e avanzar canto antes na senda da recuperación económica.
Plan de rescate á hostalaría e o turismo
Noutra orde de cousas, a CEG valora positivamente o acordo ao que chegaron Xunta de Galicia, deputacións e concellos de destinar máis de 75 millóns de euros para o plan de rescate do sector da hostalería e o turismo en Galicia.
Considera ademais que a tramitación e desenvolvemento destas axudas debe facerse a través dun portelo único –o Executivo autonómico-, porque o fundamental é que as axudas cheguen coa maior celeridade posible a todos os afectados en Galicia.