gl
  • es
  • gl
Home > A CEG avoga por unha maior coordinación entre o sector sanitario público e o privado, porque son complementarios e suman

A CEG avoga por unha maior coordinación entre o sector sanitario público e o privado, porque son complementarios e suman

 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, mantivo unha reunión coa Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal), na que lle trasladaron a actualidade e as preocupacións do sector sanitario privado en Galicia.

Vieites subliña que os hospitais privados galegos teñen un “peso específico no sector sanitario” e avoga por unha maior coordinación co sector público, porque son complementarios. “Trátase de sumar e non de restar”.

Ambas as dúas entidades coinciden en seguir defendendo a colaboración público-privada como unha estratexia esencial para “garantir a sustentabilidade do sistema sanitario” e alcanzar unha prestación de calidade. Tamén sinalaron que a sanidade de xestión privada contribúe a desconxestionar a atención sanitaria, sobre todo en situacións de “colapso”, como a que se rexistra actualmente pola alta demanda dos cidadáns tras a pandemia do Covid-19.

Por iso, expresaron a súa preocupación por iniciativas como a Lei de Equidade, que pretende reducir a actividade concertada casos excepcionais, porque pon en risco a viabilidade das empresas sanitarias e prexudica directamente aos pacientes. O presidente de Ahosgal, José Ignacio Vidal, explicou que, se se reduce a concertación, “crecerán as listas de espera e a atención sanitaria perderá calidade e accesibilidade”.

Durante a reunión, os representantes de Ahosgal explicaron ao presidente da CEG que a sanidade de xestión privada realiza o 26,5% da atención hospitalaria, o 24,9% das Urxencias e o 42% das resonancias magnéticas. Ademais, contan con 1.860 camas hospitalarias e 4.700 traballadores directos.