gl
  • es
  • gl
Home > Sabadell Galego e CEG poñen a disposición das empresas galegas 300 millóns de euros

Sabadell Galego e CEG poñen a disposición das empresas galegas 300 millóns de euros

Sabadell Galego e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asinaron un acordo para poñer en marcha unha liña de financiamento que ascende a 300 millóns de euros, e que se dirixe especialmente a financiar proxectos galegos de investimento que sirvan para impulsar a actividade de empresas, negocios e autónomos. A todas aquelas empresas que se identifiquen como membros da CEG ofreceránselles condicións preferentes.

O acordo alcanzado, asinado polo presidente da CEG, Juan Manuel Vieites e por Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Galego, chega nun momento de gran transcendencia, pois resulta necesario para facilitar investimentos que reforcen a capacidade das empresas galegas para adaptarse á contorna de cambios e enorme volatilidade que se vive na actualidade.

Unha das principais achegas da nova liña de financiamento é que dá un paso adiante ao priorizar o financiamento de investimentos que apoien a sustentabilidade ambiental, a innovación e transformación tecnolóxica.

“Con este acordo abrimos unha nova etapa de crecemento e reactivación en Galicia”. Estas palabras de Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Galego, resumen ben a decisión que tomou o banco para tentar poñer todos os medios ao seu alcance á hora de facilitar investimento e futuro aos empresarios galegos.

Segundo indica Pablo Junceda, “trátase de cumprir coa nosa función de banco próximo ás necesidades dos nosos clientes. Nestes momentos, non podiamos actuar doutra forma que poñendo 300 millóns de euros a disposición dos empresarios galegos. É fundamental o facilitar que as empresas galegas invistan, especialmente nun contexto onde a transformación dixital e a sostibilidade non son unha opción, senón unha necesidade para sobrevivir e competir”.

Nesta mesma liña manifestouse o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, quen comentou que a renovación do convenio con Sabadell Galego “reforza unha colaboración sólida e continuada entre ambas as dúas entidades en favor do tecido empresarial de Galicia”.

Vieites subliña que este acordo “permitirá a pemes e autónomos acceder a recursos clave para impulsar investimentos sustentables, innovadoras e de transformación tecnolóxica nun contexto económico marcado pola incerteza”.

Así mesmo, lembra que Sabadell Galego forma parte do Consello Asesor da CEG, “o que reflicte o compromiso do banco co desenvolvemento económico de Galicia e a súa implicación directa coas necesidades reais das nosas empresas”, e valora que as compañías asociadas á organización empresarial poidan beneficiarse de condicións preferentes dentro desta liña de financiamento.