gl
  • es
  • gl
Home > O “Foro da Prevención do Risco Psicosocial” da CEG busca promover unha cultura organizacional baseada no benestar e na mellora da prevención dos riscos

O “Foro da Prevención do Risco Psicosocial” da CEG busca promover unha cultura organizacional baseada no benestar e na mellora da prevención dos riscos

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou, en Santiago de Compostela, o “Foro da Prevención do Risco Psicosocial”. Un foro organizado pola CEG, en colaboración coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL), que conta co financiamento da Xunta de Galicia, e que busca facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias entre empresas e expertos e profesionais da prevención de riscos laborais; presentar estratexias prácticas e efectivas para a prevención e xestión dos riscos psicosociais; e promover unha cultura organizacional baseada no benestar e na prevención.

Durante a xornada, o presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites, destacou que “desde a CEG asumimos a prevención de riscos laborais como un eixo fundamental da nosa responsabilidade empresarial. Non se trata unicamente dunha obrigación legal, senón dunha cuestión de compromiso ético coas persoas que fan posible a actividade produtiva da nosa comunidade”.

Tanto a Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo (EESST) como a Estratexia de Seguridade e Saúde non traballo de Galicia (Horizonte 2027) consideran como un elemento transversal a abordaxe do risco psicosocial, ante o escenario de cambios no que estamos inmersos, especialmente derivados da dixitalización e do envellecemento da poboación activa.

Por iso, sinalou, “para a mellora da prevención, é imprescindible que as empresas e os distintos recursos que conforman o sistema preventivo (servizos de prevención, persoal técnico de PRL) estean preparados para unha xestión preventiva adecuada dos distintos factores de risco que inciden no ámbito psicosocial. Un ámbito que require dun tratamento integral polas empresas, como medio para mellorar o benestar laboral nos nosos centros de traballo, e evitar perdas de hora de traballo e baixas producidas a consecuencia destes factores”.

Tamén destacou a importancia de diferenciar entre saúde mental en xeral e risco psicosocial laboral. A saúde mental dunha persoa é un concepto máis amplo que abarca múltiples dimensións da súa vida, mentres que o risco psicosocial refírese especificamente a aquelas condicións da contorna laboral que poden afectar negativamente á saúde e o benestar das persoas traballadoras. “Cando falamos de prevención do risco psicosocial, actuamos sobre factores como o contido e características do traballo ou a cultura organizacional”.

Chama a atención sobre que a diferenza dos riscos físicos tradicionais, os factores psicosociais actúan de maneira silenciosa, e os seus efectos poden tardar en evidenciarse. Por iso, a prevención neste ámbito debe mellorarse. “Non podemos actuar só cando o problema xa se instalou. Necesitamos identificar, avaliar e xestionar estes riscos de maneira proactiva. As empresas galegas deben liderar este cambio cultural, ser proactivas: incorporar a perspectiva psicosocial nos nosos sistemas de xestión preventiva, formar aos nosos mandos intermedios, deseñar organizacións do traballo máis saudables, fomentar a comunicación e a participación, e establecer mecanismos de detección temperá”.

No tecido empresarial galego, caracterizado maioritariamente por pequenas, medianas e microempresas, o impacto é especialmente sensible. “Non só se ve minguada a saúde da persoa traballadora, senón que pode comprometer o benestar e a competitividade de toda unha organización”.

A ter en conta, lembran, entre outros aspectos o envellecemento poboacional e a transformación dixital. E é que Galicia presenta unha das taxas de envellecemento máis altas de España, o que fai necesario estudar as implicacións específicas dos riscos psicosociais nunha forza laboral de maior idade. Requírense estratexias preventivas específicas e adaptadas.

Ademais, a rápida evolución tecnolóxica e a súa implementación nas empresas galegas están a crear novos riscos psicosociais que aínda non foron estudados en profundidade.

Por último, os cambios nas dinámicas laborais tras a pandemia transformaron significativamente os factores de risco psicosocial, esixindo unha revisión das nosas estratexias preventivas.