A Comisión Mar Industria da CEG valora positivamente a revisión do FEMPA para gañar flexibilidade e simplificar o acceso a uns fondos crave para o futuro do sector en Galicia
A Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera positiva a apertura por parte da Comisión Europea dun proceso de consulta pública para solicitar achegas ante unha futura modificación do Regulamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), unha iniciativa orientada a mellorar a súa aplicación, simplificar determinados procedementos e optimizar o uso dos recursos dispoñibles durante o actual período de programación 2021-2027.
Dende a CEG valoran especialmente que a Comisión Europea expoña introducir axustes que permitan unha maior flexibilidade aos Estados membros na xestión dos seus programas nacionais, sempre que estes cambios contribúan a reducir cargas administrativas, axilizar a chegada das axudas ao tecido produtivo e facilitar que os fondos cumpran o seu obxectivo de impulsar unha actividade marítimo-pesqueira máis competitiva, sustentable e innovadora.
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, destaca que “Europa debe seguir apostando por un sector mar-industria forte, moderno e capaz de afrontar os grandes retos actuais, desde a transición enerxética e tecnolóxica até a sostibilidade dos recursos e a necesidade de manter a actividade económica e o emprego nas nosas zonas costeiras”.
Neste sentido, Vieites lembra que “o financiamento europeo debe ser unha ferramenta ao servizo das empresas, e para iso é imprescindible que os fondos sexan accesibles, teñan unha xestión áxil e respondan as necesidades reais dos sectores produtivos”.
A Comisión Mar Industria da CEG considera que o FEMPA constitúe un instrumento estratéxico para Galicia, dada a relevancia económica e social do complexo mar-industria, que integra actividades extractivas, acuicultura, transformación, comercialización, loxística e innovación vinculadas ao ámbito marítimo. O Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027 ten entre as súas prioridades fomentar a pesca sustentable, a acuicultura, a transformación e comercialización de produtos pesqueiros e o desenvolvemento dunha economía azul sostible.
Dende a organización empresarial galega considérase fundamental que a revisión normativa permita avanzar cara a un modelo de xestión máis sinxelo e eficiente, “evitando que a complexidade administrativa poida converterse nunha barreira para que empresas, especialmente pemes, accedan a unhas axudas concibidas precisamente para favorecer o investimento e a transformación do tecido produtivo”.
Vieites sinala que “Galicia necesita aproveitar ao máximo as oportunidades que ofrecen os fondos europeos para modernizar sectores estratéxicos. A simplificación administrativa, a estabilidade normativa e a capacidade de execución son condicións necesarias para que os investimentos cheguen ás empresas e xeren actividade económica e emprego”.
A CEG trasladará á consulta pública da Comisión Europea a importancia de que calquera modificación do Regulamento FEMPA manteña como prioridade o impulso á competitividade empresarial, a innovación, a sustentabilidade ambiental e a viabilidade económica do sector marítimo-pesqueiro.
Así mesmo, para a Confederación resulta necesario que a futura aplicación do Fondo “continúe tendo en conta as particularidades de rexións cunha forte vinculación ao mar como Galicia, onde o complexo mar-industria representa un sector estratéxico e onde as empresas afrontan retos específicos derivados da transición cara a modelos máis sustentables e dixitais”.
Por outra banda, a Comisión Mar Industria da CEG afirma que o debate sobre a modificación do FEMPA debe enmarcarse nun proceso de maior alcance que a Comisión Europea está a impulsar para a reforma do sistema de financiamento e axudas públicas da Unión Europea de face ao próximo período orzamentario. Ante esta transformación, a Confederación entende que “debe preservarse a existencia de instrumentos financeiros específicos para sectores estratéxicos como o mar-industria, evitando que a súa integración en fondos globais poida diluír a súa relevancia, reducir a súa capacidade de resposta ou relegar as necesidades particulares dunha actividade esencial para rexións como Galicia”.
Neste sentido, a organización empresarial galega recuerda que “a Política Pesqueira Común é un dos piares fundacionais do Tratado de Roma, que creou e sustenta a UE”, e destaca a importancia de “manter un marco europeo propio para a pesca, a acuicultura e toda a cadea mar-industrial, cunha dotación económica suficiente e con criterios de asignación que teñan en conta o seu carácter estratéxico para a Unión Europea”.
A CEG cre que trasladar unha parte crecente das decisións sobre a repartición sectorial dos recursos aos Estados membros “podería xerar desequilibrios e reducir a capacidade de sectores cunha forte especialización territorial para competir por uns fondos que deberían seguir respondendo a prioridades comúns europeas”. Por iso, reclama que o futuro modelo financeiro europeo “preserve o enfoque específico do actual FEMPA e garanta que o sector mar-industria continúe contando co respaldo necesario para afrontar os retos de sostibilidade, dixitalización, innovación e substitución xeracional”.
Dende o empresariado galego reiteran así o seu compromiso coa defensa dun marco europeo que permita ao sector seguir investindo, innovando e xerando valor engadido, garantindo ao mesmo tempo a protección dos ecosistemas mariños e o desenvolvemento económico das comunidades costeiras.
Segundo o Informe Ardán Galicia 2025, o sector pesqueiro e a súa cadena de valor en Galicia acada cifras de enorme relevancia: 21.043 empregos directos, 1.266 empresas activas, unha cifra de negocio de 11.536,71 millóns de euros e un valor engadido bruto de 1.376,48 millóns de euros. Por outra parte, cóntanse con máis de 5.400 barcos dedicados á pesca, 3.600 bateas e máis de 3.300 persoas dedicadas o marisqueo a pé. Estes datos sitúan a Galicia como o motor indiscutible da pesca en España, concentrando boa parte dos traballadores e traballadoras do mar, da frota e infraestruturas de acuicultura, da transformación industrial e das exportacións do país.
Contacta coa
CEG