gl
  • es
  • gl
Home > A CEG valora positivamente o fin da OPA BBVA-Sabadell: “é unha excelente noticia para as empresas e anima ás entidades a seguir traballando e apostando por Galicia”

A CEG valora positivamente o fin da OPA BBVA-Sabadell: “é unha excelente noticia para as empresas e anima ás entidades a seguir traballando e apostando por Galicia”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) valora con satisfacción o fin do proceso anunciado pola CNMV, que declara inválida a OPA do BBVA ao non alcanzar o limiar mínimo esixido. “As pequenas e medianas empresas e as persoas autónomas necesitan pluralidade de entidades e diversidade de oferta para acceder a financiamento en condicións competitivas. É unha excelente noticia para as empresas e anima ás entidades a seguir traballando e apostando por Galicia”, subliña o presidente do empresariado galego.

Juan Manuel Vieites lembra que “dende a CEG advertiramos que unha operación deste tipo -sobre todo se se facía de forma hostil, sen un acordo claro e transparente- podía debilitar gravemente o crédito dispoñible para o tecido produtivo. Limitar a atención financeira a pemes a tres grandes bancos non era unha boa saída e xogaría en contra da supervivencia e a competitividade das nosas empresas”.

En Galicia BBVA e Sabadell teñen unha presenza significativa: coinciden en numerosos municipios e sucursais, o que xeraría duplicidades, peche de oficinas e concentración.

O resultado confirmado onte ten implicacións importantes para Galicia e o seu tecido empresarial, como maior oferta, diversidade e produtos diferenciados, menor risco de redución do crédito, maior estabilidade para o sector financeiro local ou a protección de oficinas locais e da presenza territorial. Isto favorece un sistema financeiro con maiores niveis de competencia e menos riscos sistémicos para economías rexionais como a nosa.

Agora ben, Vieites incide en que “este resultado non exime de prestar atención aos riscos estruturais do sector bancario: reforzar a competencia local, conservar oficinas e asegurar que as pemes galegas manteñan acceso próximo a crédito e servizos bancarios personalizados seguirán sendo prioridades para a CEG”.

Tamén engade, que “dende a CEG, animamos a todas as entidades que operan en Galicia a seguir traballando en favor das iniciativas empresariais da nosa comunidade, como viñeron facendo ata hoxe, pois necesitamos o esforzo de todas elas para levar a cabo a transformación que Galicia necesita e en particular a do noso ecosistema empresarial. Todas as entidades son necesarias e con todas traballamos e traballaremos estreitamente en favor dos devanditos obxectivos”.