A CEG traslada á conselleira de Medio Ambiente a necesidade “de actuar coordinadamente para frear posibles visións restritivas da costa, como as pretendidas nos dous intentos anteriores”
A Comisión Mar Industria, membros do consello asesor e de organizacións integradas da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuníronse coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para abordar as implicacións da consulta pública previa sobre o Proxecto de Real Decreto polo que se modificaría o Real Decreto 876/2014, de 10 de outubro, polo que se aprobou o Regulamento Xeral de Costas.
Trátase da terceira ocasión en que o executivo central pretende modificar o Regulamento Xeral de Costas. Por iso, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, trasladou, durante a reunión, a necesidade “de actuar coordinadamente para frear posibles visións restritivas da costa, como as pretendidas nos dous intentos anteriores de modificación, que puidesen levar aparellados recortes na duración das concesións e prórrogas ou o endurecemento dos requisitos para desenvolver actividades económicas no litoral, incluso ampliando o dominio público marítimo-terrestre”.
No día de onte, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou no seu portal o texto da modificación do Regulamento Xeral de Costas, a fin de cumprir o exercicio do trámite de audiencia e información pública (prazo desde o luns 09 de marzo de 2026 até o mércores 01 de abril de 2026).
A modificación do Regulamento Xeral de Costas podería supor tanto desafíos como cambios estruturais importantes para a actividade económica vinculada ao litoral galego. “Para as empresas de Galicia, en particular aquelas en sectores do mar e de actividades costeiras, é crucial participar activamente nas consultas públicas, dialogar coas administracións e axustar as súas estratexias de negocio a un enfoque máis ligado á sustentabilidade ambiental e á transparencia regulatoria”, sinala.
Desde a Comisión Mar Industria precisaron, no seu momento, que había que modificar a Lei de Costas para garantir a continuidade de usos, instalacións e actividades das concesións anteriores a maio de 2013. “Trasladamos a necesidade de implementar da nova lei autonómica (LOXILGA) e insistir nas modificacións necesarias a nivel estatal que permitan a continuidade da actividade existente e promover novas instalacións, sen prexuízo da sustentabilidade da costa”.



Con respecto ás implicacións, explican:
Incerteza xurídica: A ausencia dun texto claro e a limitación do período de consulta pública (ao mínimo legal de 15 días) xeran preocupación sobre a falta de transparencia na definición das futuras regras de xogo.
Dificultades de planificación: As empresas con investimentos vinculados ao litoral (sector turístico, mar-industria, portos e actividades loxísticas) poderían enfrontar maior complexidade para planificar investimentos se cambian os criterios de concesión ou se endurecen os requisitos administrativos.
Maior risco regulatorio: Se o regulamento amplía o dominio público marítimo-terrestre (DPMT), pode verse afectada tanto a propiedade como a capacidade de explotación de actividades económicas.
Risco para investimentos existentes: Empresas que contan con concesións a longo prazo poderían ver afectadas as súas expectativas de explotación.
Insisten en que o tecido empresarial galego vinculado ao mar -pesca, acuicultura, transformación de produtos do mar, loxística portuaria e servizos turísticos costeiros- é especialmente relevante para a economía da comunidade. A CEG, historicamente, puxo énfase no mantemento da competitividade e condicións estables de mercado para as empresas. Tamén enumeran os posibles efectos sobre estas actividades:
Restrición de usos económicos: Se se endurecen os requisitos e amplíase o DPMT, actividades tradicionais que xeran emprego e valor engadido poderían ver limitadas as súas posibilidades de ampliación ou renovación de concesións.
Dificultade en actividades auxiliares: Empresas provedoras de servizos aos sectores pesqueiro e turístico (equipamento portuario, transportes, hostalaría, marisqueo) poderían experimentar maior cautela investidora ante un marco normativo máis incerto.
Desde a Comisión Mar Industria da CEG e nas alegacións achegadas á consulta pública previa ínstase a:
Coñecer a documentación relativa ao expediente de infracción INFR (2022)4121, aos efectos de que poder permitir coñecer o alcance real que se quere dar á modificación do Regulamento de Costas.
Que se realicen todas as reunións necesarias cos sectores afectados, para que sexan realmente coñecedores das necesidades das persoas afectadas, de forma que non se realice unha regulación fóra da realidade, plasmada desde un despacho;
Que, en todo caso, antes de modificar o regulamento, procédase a modificar a Lei de Costas, unha vez realizadas todas as reunións precisas co sector mar- industria.
A CEG reúnese co embaixador de EEUU en España, Benjamín León, Jr.
Ler máis
Contacta coa
CEG