gl
  • es
  • gl
Home > A CEG reivindica o plan asinado coa Xunta e UXT como “un avance significativo na construción de contornas laborais máis saudables e na procura de solucións compartidas”

A CEG reivindica o plan asinado coa Xunta e UXT como “un avance significativo na construción de contornas laborais máis saudables e na procura de solucións compartidas”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pon en valor a firma, xunto coa Xunta de Galicia e UXT-Galicia, do Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, “un acordo que representa un avance significativo na construción de contornas laborais máis saudables e na procura de solucións compartidas a algúns dos retos que afronta actualmente o mercado laboral galego”.

O acordo, subscribido o pasado 7 de agosto polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o secretario xeral de UXT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, é froito do traballo desenvolvido durante as últimas semanas no marco da Mesa do Diálogo Social de Galicia, institucionalizada este ano e concibida como un espazo permanente de concertación entre a Administración e os axentes sociais.

Para a CEG, o valor de “este acordo transcende as medidas concretas que contempla. A firma demostra que cando administración, empresas e representantes dos traballadores comparten diagnóstico, escoitan as distintas realidades e buscan puntos de encontro, é posible alcanzar acordos que benefician ao conxunto da sociedade”.

En palabras do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, “o avance do diálogo social é fundamental para o empresariado e o conxunto da sociedade e o plan constitúe unha gran iniciativa para os dereitos dos traballadores, unha cuestión que debe avanzar da man da competitividade e a produtividade das empresas”.
Un dos elementos máis innovadores será o desenvolvemento dun mecanismo de acompañamento á reincorporación ao traballo despois dunha baixa laboral. A CEG considera especialmente relevante este enfoque, “porque permite superar unha visión exclusivamente centrada no momento da baixa para prestar atención tamén á prevención, ao benestar, ás condicións organizativas e a unha reincorporación adecuada das persoas aos seus postos de traballo”.

O plan aposta, ademais, por acompañar ao tecido produtivo galego, formado maioritariamente por persoas autónomas, pequenas empresas e microempresas, para que poidan avanzar voluntariamente na adopción de medidas de prevención e benestar que vaian máis aló dos mínimos establecidos legalmente.

Para a CEG, esta formulación resulta especialmente importante porque permite adaptar as políticas públicas á realidade empresarial de Galicia e evita solucións uniformes que non teñan en conta as diferentes capacidades, dimensións e características das empresas.

“Unha das principais achegas do diálogo social consiste en incorporar á mesma mesa as diferentes perspectivas e responsabilidades: a protección dos dereitos e a saúde das persoas traballadoras, as necesidades das empresas e do tecido produtivo, e a responsabilidade das administracións na xestión eficiente dos recursos públicos”, subliña Vieites.

A propia CEG defendeu durante os últimos anos que o diálogo social constitúe un instrumento esencial para configurar as relacións laborais e avanzar cara a acordos realistas, posibles e adaptados ás necesidades tanto das empresas como da parte social. Vieites reivindicou tamén a negociación colectiva “como un elemento fundamental para a paz social e reclamou reforzar o papel do diálogo social fronte a decisións unilaterais”.
A firma deste Plan integral supón, neste sentido, un exemplo concreto do que pode achegar unha cultura de concertación.

“Este proceso demostra que dialogar non significa renunciar ás posicións propias, senón poñelas en común para atopar solucións que poidan ser compartidas e aplicadas. O resultado é un acordo que incorpora as preocupacións do tecido empresarial, as lexítimas demandas dos traballadores e a responsabilidade da Administración de deseñar políticas públicas eficaces”, di.

Para a CEG, este é precisamente o sentido que debe ter o diálogo social: “converter a discrepancia lexítima en capacidade de acordo e o diagnóstico compartido en medidas concretas”.

O empresariado galego valora especialmente que a Xunta impulsase este proceso e “apostase por escoitar e traballar conxuntamente cos axentes sociais, así como o compromiso demostrado por UXT-Galicia e polo conxunto do tecido empresarial representado pola organización empresarial galega”.