gl
  • es
  • gl
Home > A CEG lembra que “se se frea o despregamento eólico, ponse en risco a reindustrialización de Galicia”

A CEG lembra que “se se frea o despregamento eólico, ponse en risco a reindustrialización de Galicia”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) manifesta a súa evidente preocupación polas consecuencias da recente sentenza do TSXG sobre A Ruña III, “toca analizar as consecuencias para o proxecto, xa que ao tratarse dunha anulación da autorización administrativa previa e de construción, o proxecto perde a súa base legal de execución. Se a promotora recorre (posible casación ante o Tribunal Supremo) o proceso pode alargarse anos, o que xera unha prolongada incerteza. Con ese atraso, pode perder sentido económico o proxecto (custos engadidos, cambios tecnolóxicos, evolución do mercado eléctrico) e quedar desfasado ou descartado”.

Con esta sentenza obrigaríase a retramitar o proxecto do parque eólico, cando xa obtivera autorización ambiental e de construción da Xunta de Galicia, no marco dun procedemento avalado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Desde o empresariado alertouse, en numerosas ocasións, de “perdas millonarias”, de que a paralización e inseguridade xurídica afectan non só ao promotor senón ao conxunto do tecido industrial auxiliar (obra civil, fabricación, servizos).

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, lembra que “se se frea o despregamento eólico, ponse en risco a reindustrialización de Galicia, pois moitas industrias electrointensivas dependen de electricidade barata e renovable”.

Tamén fai fincapé en que “supón unha mensaxe que pode conxelar investimentos, motivar rexeitamentos de novos proxectos ou elevar os custos e prazos, o que resulta contraproducente para a competitividade de Galicia”.

Nun contexto en que Galicia necesita urxencia para activar enerxías renovables e atraer industria, “pódese provocar que os anos pasen sen que os proxectos vexan a luz, o que dana tanto a transición enerxética como a base industrial”, di.

Vieites manifesta que “estamos moi preocupados polas consecuencias que pode ter de face ao futuro a revisión da aplicación sistemática da normativa estatal ou autonómica relativa ás autorizacións de proxectos enerxéticos ou industriais, entre outros, máis se cabe a revisión ao detalle de procedementos de avaliación de impacto ambiental que se desenvolveron previamente pola administración, durante longos meses”.

A este respecto, o presidente dos empresarios galegos advirte que “detrás de cada proxecto hai moitas empresas que sofren importantes custos cada vez que se adopta unha decisión de paralización ou anulación. Galicia está nun momento clave para modificar o seu modelo económico e industrial e os proxectos eólicos son parte fundamental da necesaria transición enerxética, que debe facernos máis competitivos”.